Download - Ánxel Fole
Departamento de Lingua Galega do IES de MeañoRecursos para 4º da ESO: http://centros.edu.xunta.es/iesdemeano/?q=category/6/44/105
Nace en Lugo no 1903
Estudou Dereito en Valladolid, Madrid e Santiago
Foi secretario do Partido Galeguista
Logo da guerra civil, marcha para terras do Courel e do
Incio
No 1953 regresa a Lugo onde traballa como xornalista
en El progreso.
Morre no 1986
No ano 1997 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Os seus catro libros principais son volumes de
contos
Os dous primeiros: Á lus do candil (1953) e Terra
brava (1955)
Reflicten o mundo rural do Courel e do Incio
Teñen unha estrutura narrativa semellante (recollen
relatos que varias persoas narran en longas conversas
arredor da lareira ou dunha mesa)
Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre
(1981)
Ambientados no mundo urbano da cidade de Lugo
Seguen presentes elementos do conto de medo e misterio
Ton humorístico como contraste
Linguaxe rica e enxebre con dialectalismos (recollido de
xentes do Courel) e barbarismos
Segue o modelo da narración popular (é un contador
de contos) máis que o literario
Nos seus contos conflúen
Retrata unha Galicia misteriosa e máxica na que
destacan tres aspectos:
As experiencias parapsicolóxicas (premonicións,
aparicións…)
As crenzas tradicionais (bruxería, medicina tradicional,
meigas…)
As supersticións relixiosas (Santa Compaña)
Recolle trazos da narración oral tradicional como:
Elementos referidos á narración:
Fórmulas de apertura (Xa hai moito tempo…)
Narración en espiral (un conto leva a outro)
Conclusión conceptual de carácter didáctico
Narrador testemuña (para dar credibilidade)
Chamadas de atención aos oíntes
Elementos referidos á lingua:
Uso de refráns
Uso de barbarismos e dialectalismos (tenta recoller a lingua oral)
O LordanasO que vos vou a contar pasou en Lugo, polos derradeiros anos do século pasado.
Ouvinllo a meu padriño, xa fai moito tempo. Meu padriño sabía moitas distas historias de medo. Ouvírallo unha tépeda noite do mes da sega, cando estabamos sentados na aira, alá en Fingoi, unha aldeia que está a carón de Lugo.
Non tería a vila naquil tempo máis de vinte mil almas. O cimiterio quedaba arredado dila. Non era coma hoxe que pódese decir que está no mesmo Lugo, pois fixéronse moitos bairros novos ó seu redor. Acabábase de abrir a rúa de Aguirre, que levaba a il. Poucos anos inantes fixérase a carretera do camposanto que ten unhas alcacias prantadas nas beiras. Por alí pasaba a xente que iba a Fingoi, Magoi, o Garañón i as Pedreiras.
Por aquiles anos era enterrador un home que lle chamaban o Lordanas. E tódolos lugueses lle chamaban ó cimiterio a Horta do Lordanas. Meu padriño decía que tiña moi boa saúde, que era moi dado ás bulras, e que Dios o castigara por se mofare dos defuntos. Mais ós defuntos teríalles sen cuidado, coido eu…
Traballaba todo o día, hastra o poñerse o sol. Nin tan siquera iba a xantar á casa, aínda que non estaba lonxe de alí. Andaría o Lordanas polos cincoenta anos. Xa veredes o que lle pasou…
Tan axiña como o reló do Consistorio daba as doce, aparecía pola porta do camposanto a filla do Lordanas, unha rapaceta noviña, que lle traguía o xantar nun cestiño de brabádegos. Papábase pouco menos de media libra de touciño. En canto ó viño, traguíanlle dous netos ou máis nunha bota.
E que non lle faltase o queixo nin a copiña de caña pola mañá… Por certo que agora aquil augardente de caña non se ve por ningures… Según meu padriño, o enterrador decía que a copiña era pra lle sacar o bafo de podre que lle deixaban os difuntos… ¡Moita augardente de caña se bebía en Lugo por aquiles anos! Os pizarrantes i os canteiros almorzaban cun cachiño de pan i unha copiña.
Volvamos ó conto. Xa sei ondia iba. Agardade… Foi por un día do mes de San Xoán. Houbera moita calor. Polo val do Miño víase a calixeira. Armábase o trono. Trouguéronlle o xantar coma tódolos días, e púxose a durmir a xiesta na casoupa que había nun curruncho do cimiterio pra gardar os picachós, as palas i os rodos. Botouse enriba dunha mesa, pois tiña chao terreo a casoupa. Púñase unha manta farrapeira debaixo.
Fose polo viño ou pola calor, non espertou hastra moi tarde, con noite pecha. Alá cara á noitiña empezaron a estourar os primeiros tronos. Aínda quedaba a treboada por máis aló do Picato. Alustraba cada vez máis.
Un tronicio espertou ó enterrador. Xa vos podedes figurar seu medo cando se viu envolto en tébregas. Non se acordaba ben ondia estaba. Un segundo alustro, que alampou todo o ceo, sacouno de dúbidas: as sepulturas brincaban diante dos seus ollos. Deixara a porta da casoupa aberta. Colleu a chaqueta e botouse fóra.
Mais pronto recuou arrepiado. Naquel intre estroqueleou un trono abraiante. Cara á caseta viña un home. Outro alustro i outro trono meirande. O home levaba chistera e gabán longo. Outro alustro… Il vira inantes aquila cara. Camiñaba paseniño deténdose diante de moitas sepulturas. De vez en cando acendía un fósforo e púñase a ler os letreiros en voz baixa.
O enterrador sentiría que lle frotaran o lombo todo ó longo do carreguizo cun anaco de xeo, coido eu…
A cara daquil home era a dun difunto: enxoita, marela. Il mesmo habería enterrado aquil home, mais non se acordaba cando.
O home da chistera foise engordiño por unha carretera que iba cara á capela. Descargou a choiva con carraxe. ¿Que lle importaba a choiva? A porta do camposanto estaba aberta. En poucos minutos púxose na casa.
Xa non foi home para máis nada. Estivo dous meses no leito, e dil foi para cova. Chamaron o médico; mais de nada lle valeron beberaxes nin catapocios. Veu tamén a meiga de Grolos. Ista dixo que collera un aire do outro mundo…
Por ben, o Lordanas morreu por fato. Dous anos despois soupérase todo. Había en Lugo un louco chamado Pepe Montero. Iba sempre falando solo. A súa cara parecía a dun desenterrado. Caíanlle as longas guechas sobor da caluga e das fazulas. Inanque fose polo verao traguía chistera e gabán. Calquer señor lle regalaba a súa cando iba vella. E tamén o gabán.
Un veciño do Polvorín, que viña de Lugo cun carro de esterco, viuno achegarse á porta do camposanto e sentiu que tarabelaba nila. Tamén il se levou bon susto. Estivo para deixa-lo carro…
Foi cousa ben rara que nen il nen a xente da súa familia pensase no tolo Montero, sendo tan coñecido. Dios nos arrede das cousas de loucos.
1. Localiza no conto os trazos propios da narrativa oral tradicional.
2. Sinala ademais as características lingüísticas que o definen.
3. De que xeito conflúen neste conto a realidade concreta de Galicia coa espiritual.
4. Que aspectos do estilo de vida que reflicte o conto che parecen curiosos hoxe en día.
5. Pon en relación a historia cos fenómenos meteorolóxicos que nela aparecen.
6. Busca en internet a biografía do autor (os antecedentes familiares), o Partido Galeguista e información sobre o Incio e O Courel.
7. Recoñeces o que se conta en “O Lordanas” como unha historia da nosa tradición. Que aspectos destacarías?