a camariña (corema album) na mata do camarido

40
A CAMARIÑA NA MATA NACIONAL DO CAMARIDO Noé Ferreira Rodríguez Asociación Naturalista “Baixo Miño”

Upload: anabam-anabam

Post on 29-Mar-2016

233 views

Category:

Documents


8 download

DESCRIPTION

Faise unha primeira aproximación ao estuidio da Camariña na mata nacional do camarido (Caminha)

TRANSCRIPT

Page 1: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

A CAMARIÑA

NA MATA NACIONAL DO CAMARIDO

Noé Ferreira Rodríguez

Asociación Naturalista “Baixo Miño”

Page 2: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 2 -

Page 3: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 3 -

A CAMARIÑA (Corema album (L.) D.Don ex Steud. 1840)

NA MATA NACIONAL DO CAMARIDO

ANABAM

Page 4: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 4 -

© Asociación Naturalista “Baixo Miño”

Rúa Calvario 44 Baixo

36780 A Guarda Pontevedra

Tel.: +34 986 611 799

www.anabam.org

Textos e edición: Noé Ferreira Rodríguez

Fotografía de portada: Agustín Ferreira Lorenzo (AgFeLo)

ISBN: 978-84-616-2488-1

Depósito Legal: VG 713-2012

Printed in Spain/Impreso en España:

Publicado en Decembro de 2012 por ANABAM.

© Texto: 2012, ANABAM. Tódolos dereitos reservados.

Page 5: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 5 -

AUTOR

Noé Ferreira Rodríguez

REVISIÓN

Agustín Ferreira Lorenzo

Antón Ferreira Lorenzo

Manuel Angel Pombal Diego

GRUPO DE TRABALLO

Carlos Angílica Entenza

Luís Dorado Senra

María Consuelo González de Dios

Agustín Ferreira Lorenzo

Antón Ferreira Lorenzo

Noé Ferreira Rodríguez

Manuel Angel Pombal Diego

Ricardo Portela Vilas

Ricardo da Silva Diz

Co apoio económico da Weeden Foundation e TEAM-Minho

Page 6: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 6 -

ÍNDICE

A CAMARIÑA 7

Hábitat 9

Distribución 9

Reprodución 10

Usos 12

AS CAUSAS HISTÓRICAS DO DECLIVE POBOACIONAL 13

Reforestación do litoral 13

Comercialización dos froitos 15

MATA NACIONAL DO CAMARIDO 16

A POBOACIÓN DE CAMARIÑA DO CAMARIDO 18

ANTECEDENTES DA PROTECIÓN 19

PROXECTO CAMARIÑA 20

INTERACCIÓNS 21

Interaccións antrópicas 22

Interaccións animal-planta 23

Aves 23

Mamíferos 27

Réptiles 29

Interaccións interespecíficas 30

BIBLIOGRAFÍA 32

Page 7: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 7 -

Page 8: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 8 -

A CAMARIÑA

A Camariña (Corema album (L.) D. Don ex Steud 1840) é unha planta

da familia Empetraceae endémica da Península Ibérica.

Etimoloxicamente Corema procede do grego Kórêma (vasoira) xa

que ao ser un arbusto de ramas ríxidas utilizábase para a fabricación

destes útiles domésticos, o nome específico album alude a cor

branca dos seus froitos comestibles.

Mata de camariña con froitos no Pinhal do Camarido. Fotografía: AgFeLo.

É un arbusto dioico, con pés masculinos e femininos, de ata 1

metro e moi ramificado. As ramas inferiores son glabras, coa base

Page 9: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 9 -

das follas e pecíolos persistentes. As follas son xeralmente lineais

triverticiladas ou tetraverticiladas de 5 – 6 x 1 - 2 mm e de cor verde

escuro; as súas raíces son rastreiras, nudosas e grosas das que saen

os vástagos.

As flores son trímeras con tres sépalos de 2 mm e tres pétalos de 3

mm, atopándose as flores masculinas reunidas en cimas polo xeral

terminais en número de 6 a 11, con pétalos e tres filamentos

estaminais vermellos e rara vez se encontran intercaladas. As flores

femininas tamén se atopan en cimas terminais ou intercaladas en

número de 3 a 6, con pétalos vermellos, ovario laxo e tomentoso e

tres ramas estigmáticas patentes. Cando se aproxima o remate da

floración estas adquiren un ton marrón. Os froitos, en drupa, teñen

un tamaño de 5 a 8 mm, esféricos, brancos ou brancos rosados.

O status de protección da especie a inclúe no Libro Vermello de

Flora Vascular de Andalucía como Vulnerable, ademais de estar

incluída na Lei 8/2003, do 28 de outubro da flora e fauna silvestres

(BOJA 218/2003, do 12 de novembro).

Page 10: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 10 -

Hábitat

Habita ecosistemas de dunas fixas ou semifixas e ambientes

mariños areosos, as veces colonizados por piñeiros formando parte

do sotobosque. Vive asociada a outras especies como Artemisia

campestris, Scrophularia frutescens, Ammophila arenaria, etc. En

xeral é unha especie propia de medios cun pH neutro ou básico

coma o existente nas dunas e cantís.

Distribución

Ao longo de máis de 1.500 km a área de distribución da Camariña

abrangue toda a fachada atlántica da Península Ibérica, dende A

Coruña onde ten o seu límite de distribución setentrional ata Cádiz

onde se sitúa o límite meridional da especie. O grande número de

topónimos que fan referencia a esta planta, Camariñas e Proba do

Caramiñal, en Galicia; Pinhal do Camarido, en Caminha (Portugal),

ou Punta Camarina, en Cádiz, indican que esta especie foi moi

abundante no pasado.

Page 11: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 11 -

Distribución actual de Corema album na Península Ibérica segundo Matos de Sousa

(2007) en “Caracterização das populações de Camarinha (Corema album L.) no

Cabo Carvoeiro”.

Reprodución

É unha planta dioica; é dicir, cos sexos separados, existindo plantas

masculinas e femininas, aínda que se atoparon individuos

hermafroditas nas poboacións do Sur peninsular.

A floración é invernal, ata marzo ou abril; acadando o seu máximo

no mes de febreiro. A polinización é anemógama con fecundación

Page 12: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 12 -

cruzada, cada dous anos produce os froitos a mediados de abril,

podendo adiantarse a marzo e retrasarse ata finais de setembro.

As plantas hermafroditas representan entre o 1 e o 4 % do total, e

estas plantas teñen un baixo número de inflorescencias

hermafroditas en relación ao numero de inflorescencias

estaminadas. Producen froitos máis pequenos que as plantas

estritamente femininas. O esforzo reprodutivo nas plantas

masculinas e hermafroditas é tres veces menor que nas femininas.

Debido a esto as femias teñen máis demanda de auga para producir

os froitos carnosos. Esta inversión na produción de froitos é un

proceso metabólicamente caro, demandando unha alta asignación

fotosintética, auga e outros recursos, especialmente os froitos

carnosos. Estes requirimentos extra nas femias de especies dioicas

coma a Camariña tradúcese en estratexias adaptativas diferentes ás

das plantas masculinas. Esta diferenciación de estratexias leva con

frecuencia ao dimorfismo sexual e a trazos fisiolóxicos nestas

especies que teñen consecuencias no crecemento, supervivencia e

estrutura poboacional.

Por outra banda, coma medida compensatoria ante o custo que

supón a produción dos froitos carnosos, evidéncianse diferenzas de

xénero cun período de máximo crecemento post-reprodutivo,

permitindo unha distribución dos recursos máis eficiente tras o

Page 13: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 13 -

período reprodutivo orientados ao crecemento foliar e ao

almacenamento.

Diferenciación de xéneros en número de plantas de camariña na Mata Nacional do

Camarido, porcentaxes obtidas da mostraxe de 64 plantas efectuados ao longo do

ano 2011 polo grupo de traballo de ANABAM.

Usos

Dende o citado uso para facer vasoiras, o froito desta planta tamén

era usado como alimento e vendido nos mercados, manténdose na

actualidade o seu uso para facer xaleas, a partir da súa mestura con

azucre e limón, sendo unha bebida típica de Figueira da Foz en

Portugal. En canto aos usos medicinais, a planta é considerada

como remineralizante pola grande cantidade de sales das drupas,

estas úsanse tamén para combater a febre en limoada dende tempo

Page 14: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 14 -

dos romanos. Outro uso é o de antihelmíntico, eliminando os

vermes intestinais, ademais de ser utilizada como planta

ornamental.

AS CAUSAS HISTÓRICAS DO DECLIVE POBOACIONAL

Reforestación do litoral

A primeira expansión das plantacións de piñeiros na zona litoral en

Portugal data da época do rei D. Afonso III no século XIII, que

ordenou a plantación de bosques de piñeiros para protexer as terras

agrícolas do avance das areas costeiras e dos ventos salgados, foi no

Pinhal de Leiria (Mata Nacional de Leiria) ampliado ata as

dimensións que ocupa hoxe en día polo seu sucesor no trono D.

Dinis, este piñeiral é, na actualidade un dos máis importantes do

país con 1741 km2.

Este tipo de prácticas da enxeñería forestal permitiu a valorización

das terras próximas ao mar transformándoas en terreos de cultivo.

No ano 1805 as reforestacións litorais adquiriron gran importancia

coa reforestación dos areais de Lavos por parte de José Bonifacio de

Andrada e Silva, seguidos das actuacións levadas a cabo pola

Administração Geral das Matas do Reino.

Page 15: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 15 -

Dous traballadores das Matas Nacionais nos anos 40 (esquerda) durante a

sementeira. Un grupo de labregas nos anos 50 preparadas para traballar na recollida

da fruma nunha Mata Nacional. Fonte das imaxes:

http://valadodosfradesfotos.blogspot.com

Pero as masivas reforestacións en Portugal inícianse no ano 1886

cando se crea no país o Serviço Forestal que deu un xiro radical á

política forestal co fomento de plantacións de Pinus pinaster no

interior montañoso de Portugal. Desta forma e, especialmente a

partir de 1938, promoveuse co Plan de Repoboación Forestal unha

gran expansión desta conífera, sendo utilizada de forma masiva

para reforestar dunas litorais. A proliferación de plantacións

costeiras de piñeiros e os desbroces do matorral do sotobosque

asociado, acasionaron nalgunhas zonas un grave declive das

poboacións de Corema album.

As masivas reforestacións dos séculos XIX e XX comezaban coa

estabilización da duna primaria, pasando logo á fase da sementeira

Page 16: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 16 -

dos piñeiros e de especies propias do ecosistema dunar, cubrindo

primeiramente os solos con materia vexetal para a súa fertilización.

Fotografia dos anos 60 coincidindo cos últimos anos da actividade da resinaxe nos

piñeirais do Valado. Fonte da imaxe: http://valadodosfradesfotos.blogspot.com

Comercialización dos froitos

Ademais dos usos tradicionais que se lle deron á especie, a

recolección, consumo e venda dos froitos comestibles foi unha

constante entre os habitantes das rexións costeira atlánticas, dende

Galicia ata Andalucía.

A comercialización constatouse en cidades coma Porto con especial

relevancia a comezos do século XX. A explotación deste recurso tivo

Page 17: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 17 -

o seu auxe nas décadas comprendidas entre os anos 1930 e 1950,

segundo un dos poucos estudos etnográficos levados a cabo con

esta especie en Cádiz por Gil-López no ano 2011, comprobando que

a actividade tivo o seu final nesta rexión chegados os anos 50.

Segundo as fontes bibliográficas, na vila galega de Camariñas a

comercialización dos froitos estendeuse ata os anos 70 do século

pasado en feiras e mercados da zona.

MATA NACIONAL DO CAMARIDO

Na desembocadura do río Miño, o Ostium Minii (Porta do Miño) dos

romanos, entre as poboacións de Caminha e Moledo, sitúase a

Mata Nacional do Camarido que constitúe o maior piñeiral atlántico

do Norte portugués, unha extensión de 144 hectáreas formada

principalmente por piñeiro bravo (Pinus pinaster) que se remonta

ao século XV. Está Mata está dividida en 22 parcelas das que 16

están clasificadas como espazo de protección e as restantes teñen

funcións de abrigo.

É un espazo catalogado coma Lugar de Importancia Comunitaria

(LIC), cun plan de xestión propio no que ademais do piñeiro bravo

como elemento estrutural da paisaxe, é posible atopar outras

especies coma sobreiras (Quercus suber), piñeiro manso (Pinus

pinea), ulmeiro (Ulmus glabra) ou loureiros (Laurus nobilis).

Page 18: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 18 -

O transporte eólico de areas, a dinámica mariña e o aporte

sedimentario do río Miño forman as praias da Foz do Miño e do

Camarido cun cordón dunar que crea unha barreira natural que

protexe ao piñeiral dos ventos que proveñen do Atlántico.

Daguerrotipo de 1900 coa desembocadura do río Miño. Enfrente a el a Mata

Nacional do Camarido (Portugal) dende o Monte Santa Trega (A Guarda,

Pontevedra). Fonte da imaxe: www.galiciasuroeste.info.

Fotografía actual da desembocadura do Miño e da Mata Nacional do Camarido

(Portugal) dende o Monte Santa Trega (A Guarda, Pontevedra). Fotografia: AgFeLo

Page 19: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 19 -

A POBOACIÓN DE CAMARIÑA DO CAMARIDO

A poboación da Mata Nacional do Camarido está composta por 14

matas de grande porte dispersas ao longo de 2 quilómetros e, na

meirande parte dos casos, nunhas condicións que non aseguran a

súa supervivencia, principalmente pola constante ameaza que

supón o pisado e pola proliferación de especies exóticas coma

Acacia sp. e Carpobrotus edulis. A ausencia de exemplares de

pequeno porte, ilustrado na táboa 1, pon en evidencia a falla de

reclutamento de novos individuos que aseguren a supervivencia da

especie no Norte portugués.

Estrutura poboacional de Corema album na Mata Nacional do Camarido en función

do tamaño de 42 matas rexistradas no ano 2011. Pode observarse como tan só o 10%

delas teñen un tamaño inferior aos 50 cm, o que evidencia un problema de

reclutamento.

Page 20: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 20 -

ANTECEDENTES DA PROTECIÓN

A preocupación por esta especie por parte de ANABAM remóntase

ao pouco de comezar a andaina da Asociación, cando no ano 1986

tivo lugar unha reunión de ecoloxistas galego-portugueses baixo o

epígrafe “S.O.S. POR LA MATA DE CAMARIDO”.

A nova aparecida no Carrizal (boletín de divulgación de ANABAM

dende a súa fundación no ano 1985) correspondente ao mes de

xaneiro de 1987 daba conta do acontecido naquela reunión e das

conclusións ás que se chegou por parte dos grupos ecoloxistas e

naturalistas asistentes á devandita xuntanza.

A situación actual da especie agravouse dende os anos 80 cando a

poboación de Camariña na Mata Nacional do Camarido

experimentou un rápido declive pola proliferación de especies

exóticas que comezaron a afectar a supervivencia da especie na

zona.

A comezos do presente século as actuacións no piñeiral, limpeza do

sotobosque e plantación de novos piñeiros, supuxo un golpe para os

exemplares superviventes ás especies exóticas, ao que se suman as

actuacións de limpeza mecánica do areal e o incremento dos

usuarios que supón o pisado continuado, acabando con moitos dos

Page 21: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 21 -

exemplares que xerminan e conseguen saír adiante nos primeiros e

máis duros anos da súa vida.

PROXECTO CAMARIÑA

A comezos do ano 2007 a Camariña pasou a estar incluída dentro do

P.E.S. (Programa de especial seguimento) desenvolvido por

ANABAM e co que se traballa de xeito activo naquelas especies e/ou

hábitats do Baixo Miño galego-portugués que están ameazados. O

obxectivo desta inclusión é o de manter e mellorar a situación da

poboación da especie na Mata Nacional do Camarido.

As mostraxes efectuadas polo grupo de traballo de ANABAM

durante os dous primeiros anos do proxecto e seguimento da

especie puxeron de manifesto a presenza dunha poboación

composta por, alomenos, 96 exemplares, que poderían garantir a

supervivencia da especie agás que se levasen a cabo actuacións

drásticas de desbroce da Mata coma as acontecidas entre nos anos

2002 e 2003 e que supuxeron a desaparición dunha parte

importante dos exemplares presentes.

Novas campañas durante o ano 2008 amosaron a delicada situación

das matas de Camariña, onde agás o 14% dos exemplares, o resto

atópase nunha situación de ameaza principalmente pola presenza

das especies exóticas invasoras Carpobrotus edulis e Acacia sp.

Page 22: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 22 -

Esta continua situación de ameaza para a especie fai que ANABAM

poña en marcha no ano 2011 o “Proxecto Camariña” con catro

puntos de actuacións principais: estudo da poboación, medidas de

protección, seguimento e mantemento das matas.

INTERACCIÓNS

As principais interaccións coa especie poden diferenciarse en tres

grupos principais e de distinto grado de impacto sobre a dispersión,

xerminación e supervivencia da especie:

a) Efecto das actividades humanas sobre a especie,

interaccións antrópicas.

b) Factores que afectan aos dispersores naturais da especie,

interaccións animal-planta.

c) Influencia das plantas invasoras, interaccións

interespecíficas.

Interaccións antrópicas

A principal ameaza para a especie provén da destrución do seu

hábitat. Mentres en lugares coma Andalucía a principal ameaza a

constitúe a expansión das urbanizacións costeiras, sendo difíciles de

aplicar medidas de protección por atoparse a meirande parte dos

Page 23: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 23 -

individuos en fincas particulares, na Mata Nacional do Camarido

unha das principais ameazas son os traballos de mantemento dos

piñeirais que inclúen as cortas para eliminar exemplares mortos e

controlar as densidades, seguidas de novas plantacións e desbroce

do sotobosque.

Ademais disto e principalmente durante a época estival, a grande

afluencia de usuarios aos areais constitúe un importante factor de

ameaza, principalmente sobre os exemplares máis novos, moi

susceptibles ao pisado e a desecación.

Interaccións animal-planta

Os froitos da Camariña son alimento de moitas especies que

frecuentan o areal e en gran medida, a dispersión e éxito na

xerminación das sementes depende de que estas atravesen o tracto

dixestivo dos animais producindo a escarificación, erosión mecánica

e/ou química da testa das sementes.

Entre estes dispersores de sementes podemos mencionar aves

como merlos, gaivotas, gorrións ou corvos; mamíferos coma coellos,

raposos, teixugos e xabarís, e réptiles entre os que se atopan

principalmente o lagarto ocelado, de xeito que as ameazas que

afectan ás poboacións destas especies constitúen tamén un perigo

Page 24: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 24 -

ao recrutamento de novos exemplares de camariña nas áreas de

presenza.

Aínda así a xerminación das sementes depende tanto da

escarificación producida ao pasar polo tracto dixestivo dos animais

coma do micrositio onde son depositadas.

Aves

Aínda que a alimentación das aves non se pode clasificar coma

estritamente granívora, fruxívora ou piscívora, os seus sistemas

dixestivos si presentan adaptacións a algún dos tipos de

alimentación o que redunda na efectividade á hora de dixerir os

froitos e sementes da Camariña.

Aves granívoras

Entre as aves con alimentación granívora máis abundantes no

piñeiral do Camarido e que interacionan coa Camariña atópanse os

gorrións (Passer domesticus), cunha alimentación adaptada á

dixestión de grans e materia vexetal en xeneral, pero no que a dieta

animal pode chegar a constituír un 10% do total en zonas non

urbanas.

As aves adaptadas a esta alimentación granívora teñen estómagos

grandes e intestinos curtos para facilita-la acción encimática. Nestas

Page 25: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 25 -

especies o boche cumpre a función de axudar á dixestión mediante

a hidratación e o abrandamento dos alimentos. Os alimentos pasan

ao proventrículo onde son atacados por ácido clorhídrico e pola

encima proteolítica pepsina. Desta primeira cavidade estomacal

pasan á moela onde os grans atacados por auga, ácidos e encimas,

son moídos. O epitelio deste órgano está moi queratinizado e pode

conter area que os animais inxiren para axudar ao efecto de

morteiro das sementes.

O paso por toda esta cadea dixestiva das sementes de Corema

album sometidas a un longo proceso de dixestión mecánica e

química sitúa aos gorrións en particular, e a outras especies

granívoras presentes no piñeiral, coma bos dispersores das

sementes pero cunha baixa taxa de xerminación ao ser danadas por

un sistema adaptado a dixerir os froitos e sementes.

Aves fruxívoras

Os merlos (Turdus merula) son aves lexítimamente fruxívoras,

inxerindo o froito completo, dixerindo a pulpa e defecando as

sementes en condicións óptimas para a súa xerminación

constituíndo a hedra máis do 80% da súa alimentación no inverno ,

polo que a súa alimentación cos froitos de Camariña e testemuñal

nos lugares onde ambas plantas están presentes.

Page 26: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 26 -

Aves piscívoras

A primeira e principal diferenza coas aves granívoras no tracto

dixestivo atópase na moela que cumpre a función de reter a parte

non dixerible da dieta coa que forman egagrópilas que serán

regurxitadas. Nestas aves o fígado é de gran tamaño para a

produción de sales e ácidos biliares e dixerir a base proteica da

alimentación.

Os estudos levados a cabo por Calviño coa Camariña en áreas

próximas coma as Illas Cíes, revelan que a eficacia na dispersión das

sementes foi de 3 a 135 veces máis elevada cando estas eran

inxeridas por gaivotas que cando o facían especies fruxívoras. Estas

sementes teñen ademais unha maior capacidade de xerminación ao

non ser danadas por un sistema dixestivo non adaptado a unha

alimentación de orixe vexetal.

Na área de presenza da Camariña a poboación de Gaivota

patiamarela (Larus michaellis) ten unha importante representación

nas praias do Norte portugués con colonias sobre o areal que poden

superar os 300 individuos. As poboacións desta especie

experimentaron un importante crecemento a partir do último terzo

do século XX, debido principalmente ao aumento dos restos

alimenticios desbotados polo home (lixo, descartes peixeiros, etc),

Page 27: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 27 -

ao abandono da práctica de espolio nas colonias de cría e a

protección legal da especie. Este incremento cífrase de forma

groseira nun 5% anual ao longo dos derradeiros 30 anos do século

pasado. Aínda sendo o dispersor máis eficiente entre as aves, a súa

alimentación vexetal nas zonas costeiras é testemuñal, onde peixes,

crustáceos, equinodermos e moluscos representan a base da súa

alimentación segundo os datos obtidos da análise das egagrópilas.

Outras aves

O Corvo viaraz é unha especie omnívora que adapta a súa

alimentación á dispoñibilidade e ao tipo de alimento que existe no

medio. Durante a primavera e o verán aumenta na súa dieta a

porcentaxe animal baseada principalmente en invertebrados, pero

que completa con ovos, polos e pequenos vertebrados. Sen

embargo, durante o inverno a porcentaxe de alimentación vexetal

pode chegar a supor ata un 78% do alimento inxerido. As sementes

inxeridas polos corvos non sofren danos ao atravesar o tracto

dixestivo do animal o que sumado a unha importante presenza da

especie nos areais do norte de Portugal o sitúan coma un bo vector

de dispersión das sementes de Camariña durante a época invernal.

Page 28: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 28 -

Mamíferos

Os mamíferos que se alimentan dos froitos da Camariña presentes

na Mata Nacional do Camarido, e que actúan como dispersores

incrementando a taxa de xerminación, son principalmente, e pola

súa abundancia, os coellos, aínda que raposos, teixugos e xabarís

incrementan a xerminación das sementes de Camariña ao atravesar

o seu tracto dixestivo nunha proporción similar á dos lagomorfos,

pero a súa menor abundancia no piñeiral non os sitúa coma

principais dispersores da especie. Entre outros mamíferos que

poderían actuar coma dispersores das sementes de Camariña

atópanse os ourizos cacheiros que teñen unha alimentación

basicamente insectívora pero, que completan coa inxestión de

froitos cando estes están dispoñibles.

Oryctolagus cuniculus

Os Lagomorfos e especialmente os coellos, foron sinalados como

eficaces dispersores de sementes. Entre os froitos nos que estes

animais procuran o seu alimento, podemos citar as drupas da

Camariña, froitos que buscan activamente e consumen no

momento de estar maduros, chegando a dispersar entre 200 e 800

sementes por coello e día. Este feito reflicte unha alta adaptación

ao ecosistema que sumada a alta taxa reprodutiva favoreceu ata fai

Page 29: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 29 -

poucos anos o mantemento de grandes poboacións desta especie

na Península.

Pero durante as últimas décadas as poboacións de coello sufriron un

grave declive debido principalmente a dúas enfermidades: a

mixomatose, que apareceu a comezos de 1960, chegando as

poboacións a verse reducidas nun 90% e, a finais da década dos 80,

a enfermidade vírica hemorráxica, que acabou con outro 60% da

poboación peninsular restante.

Aínda que a capacidade dispersiva pode ser moi elevada, o paso a

través do sistema dixestivo do coello pode afectar á xerminación

das sementes, polo que o incremento na porcentaxe de sementes

escarificadas que xerminan sitúase nun 6.7% máis respecto ao

número de sementes que xerminan sen atravesar o tracto dixestivo

de ningún animal.

Réptiles

A alimentación fruxívora do Lagarto ocelado (Lacerta lepida)

durante os meses de verán, especialmente nos escosistemas

insulares coma no arquipélago das Illas Cíes, sitúanos coma

candidatos ideais á hora de actuar coma dispersores, aumentando a

taxa de xerminación das sementes. Máis do 50% da alimentación

desta especie está composta de froitos de ata seis especies de

Page 30: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 30 -

vexetais da rexión costeira, representando a Camariña o 7% do total

cando a especie está presente. Esta porcentaxe supón que os

lagartos inxiren entre un 80 e un 100% dos froitos producidos polas

plantas, situándoos coma os principais dispersores da especie.

O efecto directo da alimentación desta especie baseada na

Camariña tradúcese nunha dispersión das sementes nunha distancia

máxima de ata 200 metros en torno á planta, incrementando ata

nun 20% a taxa de xerminación das sementes despois de atravesar o

tracto dixestivo dos animais en comparación coas sementes non

inxeridas.

A maioría dos réptiles experimentaron nas últimas décadas un

acusado declive nas súas poboacións; o lagarto ocelado non é unha

excepción e os seus efectivos víronse especialmente afectados pola

transformación do hábitat e a alteración dos ecosistemas,

especialmente no litoral peninsular, pola acumulación de

infraestruturas e polo desenvolvemento urbanístico. A introdución

de especies exóticas coma o visón americano (Neovison vison) que

experimentou unha importante expansión en toda a franxa litoral e

a proliferación de gatos domésticos asociada a urbanización das

zonas costeiras, afectan negativamente á conservación do lagarto

ocelado. Outra importante ameaza é a persecución directa polo

Page 31: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 31 -

home desta e doutras especies por aversión derivados do

descoñecemento.

Interaccións interespecíficas

Os ecosistemas costeiros portugueses e en particular os

ecosistemas dunares, foron invadidos por multitude de especies

exóticas, pero especialmente por especies do xénero acacia

procedentes de Australia. Dende comezos do século XX, 13 especies

de acacia foron introducidas en Portugal, e delas A. melanoxylon, A.

longifolia e A. dealbata, foron utilizadas para a estabilización do

cordón dunar, sendo A. longifolia a especie dominante dende os

anos 90 pola súa grande proliferación tralos episodios de incendios.

Os principais efectos desta especie sobre os ecosistemas dunares

son a drástica redución da diversidade biolóxica, creando unha

cobertura vexetal monoespecífica dos bosques de acacia. Os efectos

da especie non só se traducen nun incremento da materia

orgánica, do NO3- e do NH4

+, esta acumulación aumenta o contido

foliar en nitróxeno de Corema album, o que paradoxalmente,

tradúcese nun beneficio aumentando o crecemento da planta. Pero

esta alteración dos parámetros abióticos e o cambio nas

propiedades do solo inhiben a xerminación das novas plántulas de

camariña no interior de bosques de acacia e nas súas proximidades.

Page 32: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 32 -

BIBLIOGRAFÍA

Alba F, Gaitero T, Alcaraz L, Zardoya R, Doadrio I y Suárez M. 2003 -

2006. Coevolución de los virus de la mixomatosis y de la

enfermedad hemorrágica con el conejo (Oryctolagus cuniculus L.,

1758) en la Península Ibérica. Proyectos de investigación en parques

nacionales.

Álvarez Laó C y Méndez Iglesias M. 1995. Alimentación de la

Gaviota patiamarilla (Larus cachinnans) en dos localidades costeras

astuarianas. Chioglossa 1: 23 – 30.

Argüello JL, Llano A y Pérez Ordoyo García LL. 1998. Enfermedad

vírica hemorrágica del conejo en España. Medicina Veterinaria 5:

645-650.

Bárcena J, Morales M, Vazquez B, Boga JA, Parra F, Lucientes J,

Pagesmante A, Sánchez-Vizcaino JM, Blasco R y Torres TM. 2000.

Horizontal transmissible protection against myxomatosis and rabbit

hemorrhagic disease by using a recombinant myxoma virus. Journal

of Virology 74: 1114 - 1123.

Bermejo A y Carrera E. 1983. Premières donnèes sur les réprises de

Goélands leucophées bagues dans la Péninsule Ibérique, aux

Baléares et aux Chaffarines. Comunicación a la III reunión du

Groupe de Travail Oiseaux Marins. La Rochelle.

Page 33: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 33 -

Bermejo A y Mouriño J. 2003. Gaviota patiamarilla, Larus

cachinnans. En, R. Martí y J. C. del Moral (Eds.): Atlas de las aves

reproductoras de España: 272- 273. Dirección General de

Conservación de la Naturaleza-SEO/BirdLife.

Bermejo A, Molina B, Cantos FJ y Mouriño J. 2009. Gaviota reidora,

sombría y patiamarilla en España. Edita SEO/BirdLife.

Blanca G. Libro Rojo de la Flora Silvestre Amenazada de Andalucía.

Tomo II: Especies Vulnerables. Pg 100-02. Sevilla.

Cabezudo B. 1987. En Valdés, B., Talavera, S. y Galiano, E. F. Flora

Vascular de Andalucía Occidental 1: 453. Barcelona

Calviño Cancela M. 2002. Spatial patterns of seed dispersal and

seedling recruitment in Corema album (Empetraceae): the

importance of unspecialized dispersers for regeneration. Journal of

Ecology 90: 775 – 784.

Delph LF. 1990. Sex-differential resource allocation patterns in the

subdioecious shrub Hebe subalpina. Ecology 71: 1342–1351.

Fedriani, J.M. & Delibes, M. 2008. Dispersión de semillas por

mamíferos en Doñana: Beneficios del mutualismo y consecuencias

para la conservación del Parque Nacional. Proyectos de

investigación en parques nacionales: 2005 – 2008.

Fernández de la Cigoña, E. 1988. La Camariña: Distribución histórica

y actual. Posibilidades de recuperación en Galicia. Revista de

Page 34: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 34 -

Estudios Provinciais. Pontevedra, N 5. Servizo de Publicacións da

Deputación Provincial de Pontevedra.

Font Quer P. 1999. Plantas medicinales. El Dioscórides renovado.

Ediciones Península.

Galán P. 2003. Anfibios y Reptiles del Parque Nacional de las Islas

Atlánticas de Galicia. Faunística, Biología y conservación. Edita

Ministerio de Medio ambiente.

García XR. 2008. Guía das plantas de Galicia. Edicións Xerais de

Galicia.

Gil-López M.J. 2011. Etnobotánica de la Camariña (Corema album,

Empetraceae) en Cádiz. Acta Botánica Malacitana 36: 137-144.

Ginés López. 2002. Guía de árboles y arbustos de la Península

Ibérica y Baleares. Mundi Prensa.

Hellmann, C. Sutter, R. Rascher, K.G. Máguas, C. Correia, O.

Werner, C. 2011. Impact of an exotic N2-fixing Acacia on

composition and N status of a native Mediterranean community.

Acta Oecologica (37): 43 – 50.

Junta de Andalucía. 2005. Lista Roja de la Flora Vascular de

Andalucía.

Larrinaga A.R. 2009. Rabbits (Oryctolagus cuniculus) select small

seed when feeding on the fruits of Corema album. Ecol. Res. 25:

245–249.

Page 35: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 35 -

López Gónzalez G. Guía de los Árboles y Arbustos de la Península

Ibérica e Islas Baleares. Pg. 707-09. Madrid.

Losa España, L.M. Datos para el estudio de la flora gallega en las

Islas Cies. Anales del Jardín Botánico de Madrid 357-401.

Marchante, H. Marchante, E. Freitas. H. 2005. Invasion of the

Portuguese dune ecosystems by the exotic species Acacia longifolia

(Andrews) Willd.: effects at the community level. Plant Invasions:

Ecological Threats and management solutions: 75 – 85. Backhuis

Publishers.

Matos de Sousa Marques, E.M. 2007. Caracterização das

populações de Camarinha (Corema album L.) no Cabo Carvoeiro.

Universidade de Lisboa.

Matsuyama S y Sakimoto M. 2008. Allocation to reproduction and

relative reproductive costs in two species of dioecious

Anacardiaceae with contrasting phenology. Annals of Botany 101:

1391–1400.

Malo JE y Suárez F. 1995. Herbivorous mammals as seed dispersers

in a Mediterranean dehesa. Oecologia 104:246–255

Obeso JR. 2002. The costs of reproduction in plants. New

Phytologist 155:321–348.

Pakeman RJ, Digneffe G y Small JL. 2002. Ecological correlates of

endozoochory by herbivores. Funct Ecol 16:296–304.

Page 36: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 36 -

Piazzon M, Larrinaga AR, Rodríguez Pérez J, Latorre L, Navarro L y

Santamaría L. 2012. Seed dispersal by lizards on a continentalshelf

island: predicting interspecific variation in seed rain based on plant

distribution and lizard movement patterns. Journal of Biogeography

39: 1984 – 1995.

Pleguezuelos JM, Márquez R y Lizana M. 2002. Atlas y Libro Rojo de

los Anfibios y Reptiles de España. Edita Ministerio de Medio

Ambiente-Asociación Herpetológica Española.

Popp JW y Reinartz JA. 1988. Sexual dimorphism in biomass

allocation and clonal growth of Xanthoxylum americanum.

American Journal of Botany 75: 1732–1741.

Ruiz de la Torre J. Flora Mayor. Pg. 1284. Madrid.

Salvador A. 1998. Fauna ibérica. Volúmen 10. Reptiles. Edita C.S.I.C.

Salvador A. y Pleguezuelos JM. 2002. Reptiles españoles:

Identificación, historia natural y distribución. Edita Esfagnos.

Sanz Infante F. y Piñeiro Veiras G. “Atlanwood” Proyecto de

cooperación técnica para el desarrollo de las aplicaciones

industriales de la madera de Pinus pinaster. Área de Innovación y

Tecnología. CIS-Madera.

Sónora Gómez F X. 1994. A Camariña (Corema album) en Galicia.

Braña, Revista de la Sociedade Galega de Historia Natural. 1(V): 13-

25.

Page 37: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 37 -

Tiffany M. Knight, Janette A. Steets, Jana C. Vamosi,Susan J.

Mazer, Martin Burd, Diane R. Campbell, Michele R. Dudash, Mark

O. Johnston, Randall J. Mitchell, and Tia-Lynn Ashman. 2005.

Pollen limitation of plant reproduction: Pattern and Process. Annu.

Rev. Ecol. Evol. Syst. 2005. 36:467–97.

Villar Pérez L. 1993. Corema. En S. Castroviejo. Flora Ibérica.

Volumen 4. Pg. 524-26. Madrid.

Zunzunegui M, Díaz Barradas MC, Clavijo A, Álvarez-Cansino L, Ain

Lhout F, García Novo F. 2006. Ecophysiology, growth timing and

reproductive effort of three sexual forms of Corema album. Plant

Ecology 183:35–46.

Zedler PH y Black C. 1992. Seed dispersal by a generalized

herbivore: rabbits as dispersal vectors in a semiarid California vernal

pool landscape. Am. Midl. Nat. 128: 1 – 10.

RECURSOS EN LIÑA

Plan de especial protección da camariña (Corema álbum) –

Proxecto Corema. Asociación Naturalista “Baixo Miño” [ref.

Setembro de 2012] Dispoñible en World Wide Web:

< http://www.anabam.org/PROXECTO%20CAMARINA.html>

Flora Andaluza en Peligro de Extinción. Corema album [en liña].

Junta de Andalucía [ref. Outubro de 2012]. Dispoñible en World

Page 38: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 38 -

Wide Web:

<http://www.juntadeandalucia.es/medioambiente/contenidoExtern

o/Pub_revistama/revista_ma51/ma51_50.html>

O Valado e a agricultura [en liña] Valado dos Frades [ref. Outubro

de 2012]. Dispoñible en World Wide Web:

<http://valadodosfradesfotos.blogspot.com.es/p/o-valado-e-

agricultura.html>

Matas nacionais e perímetros forestais do litoral [en liña]. Governo

de Portugal. Direção Regional de Agricultura e Pescas do Centro

[ref. Setembro de 2012]. Dispoñible en World Wide Web:

<http://www.drapc.minagricultura.pt/base/documentos/matas_nac

ionais_litoral.htm>

Page 39: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 39 -

Page 40: A Camariña  (Corema album) na Mata do Camarido

- 40 -

ANABAM

Asociación Naturalista “Baixo Miño”