Download - O soño de pavani
Obra de teatro escrita e interpretada polo
alumnado de AE de 1º da ESO do CPI Virxe da Cela
e dirixida por Verónica Dopico.
Monfero, Xuño 2014.
Narrador/profesor: Sergio García Coira
Narradora: Ana Pena Freire
Pavani: Ana González Fernández
Pai de Pavani: Carlos Castro Rivas
Nai de Pavani: Raquel Suárez Antón
Yemavati: Alba Rodríguez Purriños
Pescador: José Álex Fernández Pico
Voluntario FVF: Víctor Gómez Varela
Trosky: Adrián Marcos Rivera
Alumnado CPI Virxe da Cela: tod@s
Saúdan aos espectadores e presentan a historia.
NARRADOR 1: Ola a todos/as. Somos os alumnos/as de AE de 1º da ESO e vimos a presentarvos a historia dunha nena chamada Pavani. Sónavos de algo este nome??
NARRADOR 2: Claro que lles sona. Pavani é o nome da nena de 10 anos que vive na India e que temos apadriñada a través da FVF. Esta historia que vos imos representar non é a vida real de Pavani, simplemente a tomamos a ela como exemplo do que lles sucede a moitas nenas na India…
Casa de Pavani. Pavani e a súa nai están traballando nas tarefas da casa. O seu pai está sentado debaixo da sombra dunha árbore. O can Trosky xoguetea polo patio..
PAI DE PAVANI: Pavani!!!! (berrando). Ven
aquí, ou!!!.
PAVANI: (Deixa a tarefa e achégase ao seu pai). Que queres?
PAI DE PAVANI: Está o xantar? Teño fame. (Berrando e con malos modais).
PAVANI: Non, papá. Aínda non me deu tempo. Ademais non queda arroz suficiente. (Con voz respectuosa e desculpándose).
PAI DE PAVANI: Pois vai acabando. Con tal de que me chegue a min xa está. Se non chega para ti e a túa nai xa vos amañaredes.
PAVANI: (Baixa a cabeza e diríxese cara a súa nai, arrastrando os pés). Mamá, estou farta! Todo o día traballando, parecemos escravas do meu pai.
NAI DE PAVANI: (Toda ofendida). Cala, nena, non teñas tanta lingua!!! A traballar e a calar, que eu tamén tiven que obedecer ao meu pai.
PAVANI: Pero mamá…
NAI DE PAVANI: Nin pero mamá nin nada. A traballar e obedecer, que para iso somos as mulleres da casa.
NARRADOR 1: Como vedes, esta é unha situación moi inxusta, que lle pasa á maioría das mulleres e das nenas da India. Credes que é xusto? (Diálogo co público).
NARRADOR 2: Menos mal que Pavani pode desafogarse coa súa mellor amiga, Yemavati, á quen lle conta todos os seus problemas.
(Pavani e Yemavati camiñan con cántaros na cabeza).
PAVANI: (Enfadada e frustrada). Estou farta do
meu pai. Non fai máis que mandarme traballar e traballar. Eu non quero ser unha escrava da casa, eu teño un soño e sei que algún día o alcanzarei, sexa como sexa. Eu quero ir á escola, aprender a ler e así poder ser unha avogada o día de mañá para defender tantas causas inxustas…
YEMAVATI: (Triste e desanimada). Si, inxustizas…
PAVANI: Pero Yemavati… pódeseme dicir que é o que che pasa? Últimamente estás tan rara!!!
YEMAVATI: Ufff!! Se ti souberas… Teño unha mala noticia. O outro día os meus pais comunicáronme que ía ter que casar co ferreiro.
PAVANI: Casaaaaarrr!!! Co ferreiroooo!!!! Pero se ese vello ha de ter máis de sesenta anos…
YEMAVATI: Pois si, sesenta recén cumpridos… Pero acaba de enviuvar e non pide moita dote. Ademais así o meu pai poderá traballar no seu negocio e traer un xornal para a casa, que falta fai. Eu non quero casar porque teño 13 anos e quédame toda a xuventude por diante… pero comprendo que así a miña familia cambiará de situación. (Tono resignado).
PAVANI: Pero qué leria de familia!!!. Tamén temos que loitar polos nosos dereitos e a nosa liberdade. Eu fúgome e solucionado. (Toda indignada).
YEMAVATI: Si, claro, como se fose tan fácil!!!
PAVANI: Moitas veces hai que loitar por cambiar as cousas… Xa verás como todo se soluciona. Vémonos mañá na fonte.
NARRADOR 1: Casar con 13 anos… Imaxinádesvos o que sería casar a esa idade? Coñecedes a alguén que o fixera aquí en Galicia?
NARRADOR 2: Pois aínda que vos pareza incrible, isto é moi habitual na India. Os pais elixen o marido da súa filla.
(Pavani chega á súa casa e atópase cunha mala noticia… Os seus pais están tomando té con Satnam, o pescador da aldea…)
PAI DE PAVANI: Pavani!!!! Espabila, que estás tardando moito e non temos todo o día.
PAVANI: Xa vou, papá. (Pavani achégase a onde están os seus pais e o pescador).
NAI DE PAVANI: Pavani, vas cumprir 13 anos e xa hai que ir pensando no teu futuro… Hoxe veunos facer unha visita Satnam, o pescador da aldea. É un home honrado e ten un oficio de ben. O teu pai mais eu pensamos que sería un bo marido para ti.
PAVANI: Como que casar!!! Como que marido!!! Pero se aínda nin cumprín os 13 anos, son unha nena!! Os nenos temos que ir á escola a estudar. Eu quero ser avogada o día de mañá, e se caso e teño fillos, non poderei cumprir o meu sono!!
PAI DE PAVANI: Nin estudar nin farrapos de gaita. Ti casas porque o digo eu, e punto. Non se fala mais.
PAVANI: Pero papá!!!
NAI DE PAVANI: Non lle contestes ao teu pai. Ademais, el ten razón. Eu tampouco fun á escola e eu tamén tiven que casar con 13 anos.
PAVANI: (Baixa a cabeza e rosmando). E dalle con eu tampouco e eu tamén… Teño ben claro que eu non vou casar tan nova, e menos con este vello. Quero estudar e o vou conseguir, sexa como sexa.
SATNAM: (Dirixíndose ao pai de Pavani). Esta cativa é moi protestona. É mellor que subas un pouco a dote. Polo menos saberá cociñar e lavar… Xa lle ensinarei eu a estar calada!!
PAVANI: Por suposto que sei cociña, lavar, e facer moitas máis cousas!! Pero non estou disposta a facelo para ti.
PAI DE PAVANI: Ti vas facer o que che mande el, para iso vai ser o teu marido. E os homes somos os que mandamos.
NARRADOR 1: Esta situación repítese constantemente na India. Credes que é o pai o que leva a razón? Por que? (Diálogo co público).
NARRADOR 2: Que credes que fai facer agora Pavani? Vai lograr o seu propósito?
(Pavani marcha chorando ao patio da súa casa. Senta debaixo da árbore e aparece Trosky, o seu can).
PAVANI: (Acariciando a Trosky). Ai, Trosky. Se ti souberas… Quérenme casar, e vou ter que ir vivir lonxe, á casa do pescador Satnam… Que vai ser da miña vida, sempre escrava do meu pai, e agora escrava dun vello que ten peor dentadura que a túa…
TROSKY: Guau, guau!!! Non te preocupes, Pavani. Guau, guau. Teño unha idea. Guau, guau. Xa verás, guau, guau, como isto ten solución, guau, guau… Auuuuuuuuuu!!!!!
TEATRO DO OPRIMIDO:
O PÚBLICO SAE A ESCEA
PARA SOLUCIONAR O PROBLEMA APORTANDO IDEAS
Alumnado de Atención Educativa (1º ESO) CPI Virxe da Cela (Monfero).
Xuño 2014