as nosas motivacións - udc.gal · as nosas motivacións a través desta mostra bibliográfica...
TRANSCRIPT
As nosas motivacións
A través desta mostra bibliográfica queremos achegar aos estudantes da nosa Facultade os libros
de economía de Galicia do noso pasado recente, as décadas 60 e 70 do século XX. Estes libros
pertencen a unha época convulsa, e ao mesmo tempo enchida de esperanzas de cambio e novas
posibilidades. Foron nestes anos, de finais dunha longa ditadura e comezo dun novo réxime
democrático, onde comezaron a xurdir numerosos estudos e reflexións sobre Galicia e os seus
problemas económicos, co fin de atopar solucións e contribuír ao seu desenvolvemento. A estas
inquedanzas de moitos intelectuais e académicos hai que engadir a creación dunha nova
Facultade de CC. Económicas en Santiago, na que os seus estudantes puideron vivir este
ambiente renovador e formarse con profesores que despois serían protagonistas das posteriores
transformacións políticas e sociais que se viviron no país. Estes son os libros deses profesores, e
os seus referentes, que aqueles alumnos lían con interese e curiosidade e que o seu
coñecemento enriquecerá sen dúbida aos estudantes de economía de hoxe. Esa é a nosa
intención e o noso desexo.
O segundo motivo e non menos importante, é mostrar o noso agradecemento ao profesor Julio
G. Sequeiros por esta doazón, da que esta exposición é só unha pequena mostra, coa que
contribuíu a enriquecer os fondos bibliográficos da biblioteca da nosa Facultade cuns libros tan
representativos da historia do pensamento económico de Galicia na segunda metade do século
XX.
Chus Parga
Directora da Biblioteca
Facultade de Economía e Empresa
O pensamento económico en Galiza a través da doazón de Julio Sequeiros Tizón
Próxima a década dos 60 en Galiza xorde unha nova xeración de economistas que estrean
un pensamento económico centrado no noso territorio que dan en espallar a través de
obras monográficas e contribucións en novas revistas especializadas. Ata ese momento
non se pode falar en Galiza de nada semellante a unha xeración de economistas e moito
menos a un sistema conceptual ou a unha escola económica de seu.
Se cadra, porén, os alicerces do pensamento económico galego podémolos atopar no
século XVIII, ao tempo que nace unha nova ciencia da man de Adam Smith, en filósofos
ilustrados coma Benito Jerónimo Feijoo ou frei Martín Sarmiento. As novas teorías
económicas da ilustración chegaron tamén a Galiza da man de institucións tan
sobranceiras coma as Sociedades Económicas de Amigos do País. No século XIX o
pensamento reformista chega a Galiza grazas a homes coma Ramón de la Sagra ou Manuel
Colmeiro. No tradicionalismo moveuse outro destacado pensador, crítico coa economía
política liberal, como foi Alfredo Brañas.
Xa no século XX o que caracterizou aos intelectuais e estudosos da economía de Galiza é
a ligazón do seu pensamento económico ao seu pensamento político, o que podemos
comprobar no agrarismo liberal de Basilio Álvarez ou no pensamento económico do
galeguismo, entre cuxos representantes podemos destacar, entre outros, os escritos de
Alexandre Bóveda sobre política de ingresos e gastos públicos. A Guerra Civil truncou o
desenvolvemento das novas correntes de pensamento económico reducíndoa a sectores
do exilio con achegas de intelectuais do talle de Castelao ou Suárez Picallo ou á difícil
resistencia interior.
Non é ata a década dos 50 cando xorden algúns traballos sobresaíntes mais illados de
economía aplicada, coma foron, por exemplo, as obras do gran economista galego
Valentín Paz Andrade. Paradigma do renacemento do pensamento económico galego é a
aparición en 1958 da Revista de Economía de Galicia, dirixida por Xaime Isla Couto que
tería a Xosé Manuel Beiras coma subdirector o que, partindo do pensamento galeguista
de preguerra, e incorporando métodos de análise marxista e estruturalista, pode ser
considerado o iniciador da actual xeración de economistas galegos.
Pero son os anos 60 e 70 os que representan o verdadeiro rexurdimento da economía
galega moderna. Son tempos de axitación intelectual e desenvolvemento de novas ideas
no eido da economía de Galiza. Fitos daqueles anos son, entre outros, a inauguración da
Facultade de Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais da Universidade de Santiago de
Compostela (1967), a publicación de obras esenciais sobre o desenvolvemento económico
de Galicia e a saída do prelo de novas revistas científicas especializadas na materia.
Todos estes acontecementos, cruciais para a historia da economía galega convértense
para estudosos coma M. Jaime Barreiro Gil no “momento no que comeza a historia
contemporánea do pensamento económico en Galicia. Un pensamento novo, que se
corresponde cunha nova visión de Galicia e unha nova concepción teórica dos seus
problemas económicos.”
Podemos falar logo dunha morea de estudosos e investigadores que inician un
camiño que xa non se deterá ata os nosos días e que nos ofrecerá, dende a década dos
60 e 70 en diante, un bo número de estudos e publicacións que se converterán en
obras de referencia para as xeracións posteriores de estudantes, investigadores e
persoas interesadas na economía da nosa terra.
Son anos de grande actividade universitaria onde se demandan novas ideas na
literatura de análise política e económica e estase a crear unha verdadeira “biblioteca”
da literatura económica de noso.
Algunha das producións intelectuais máis destacadas desa xeración de estudosos
podédela ollar nesta exposición que vos presentamos. Son contribucións coma: La
agricultura y el estancamiento económico de Galicia en la España del Antiguo
Regimen de Jaime García-Lombardero y Viñas; O atraso económico de Galicia de
Xosé Manuel Beiras Torrado; a Revista Galega de estudios agrarios do Servizo de
Publicacións da Xunta de Galicia; ou La Polarización espacial en el crecimiento
económico español : el caso gallego de Julio G. Sequeiros Tizón, grazas a cuxa doazón
podemos agora ofrecervos esta selección de obras.
Mónica Rei
Facultade de Economía e Empresa
Biblioteca
Bibliografía
Barreiro Gil, M.J. (2009). A creación e os creadores do pensamento económico en
Galicia. En: Galicia economía. (Tomo LX, pp. 21-35). A Coruña : Hércules de
Ediciones.
Dopico, F. (1974). Economía. Pensamiento económico gallego. En: Gran Enciclopedia
Gallega. (Tomo IX, pp. 206-208). Gijón : GEA.
Economía. (1999). En: Enciclopedia Galega Universal. (Vol. 7, pp. 495-498). Vigo : Ir
Indo.
Revista de economía de Galicia
Xaime Isla Couto (dir.) Vigo: Galaxia, 1958-1968
Nace grazas a iniciativa de Xaime Isla Couto, pai do
proxecto e deseñador do formato, dentro do equipo da
editorial Galaxia. Colaboran destacados galeguistas como
Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego. En 1963,
incorpórase como subdirector Xosé Manuel Beiras
Torrado. Non só era unha das primeiras publicacións que
trataba os problemas económicos propios de Galicia,
senón tamén foi introdutora no país da obra de autores
estranxeiros. Desenvolveuse en circunstancias políticas e
culturais moi difíciles, en pleno réxime franquista.
El problema del desarrollo en la Galicia rural
Xosé Manuel Beiras Torrado. Vigo: Galaxia, 1967
Trátase dun primeiro libro de investigación da
economía agraria galega, apoiada en material
estatístico, no que se analiza tanto a súa estrutura
como sector económico, como os condicionantes e
factores que entorpeceron a súa evolución.
É unha das primeiras obras de X.M. Beiras, onde
empeza xa a desenvolver as súas teses sobre o
colonialismo interior. Posteriormente, en 1970,
escribiría “Estructura y problemas de la población
gallega” e dous anos despois a que sería a súa
contribución fundamental “O atraso económico de
Galicia”.
Introdución á economía galega hoxe
AA.VV. Galaxia, 1969
Son os textos editados conxuntamente do
ciclo de conferencias celebrado na Coruña
pola agrupación cultural “O Facho”, en 1968
co título xenérico de “Problemática
económico social galega” . Participan
destacados economistas galegos como Xaime
Isla, X.M. Beiras ou C. Otero Díaz. Foi un dos
primeiros libros que comezan a tratar o
problema galego desde unha perspectiva
propia. Tivo unha gran acollida no momento
da súa publicación pola alta demanda que
había de lectura política e económica sobre
Galicia.
La marginación de Galicia
Valentín Paz Andrade. Madrid: Siglo XXI, 1970
Este polifacético autor fai un ensaio de gran
importancia, onde profunda nos aspectos xa
esbozados na súa obra anterior “Galicia como
tarea”.
Analízanse todos os aspectos que conforman
a realidade socioecónómica dun país ou
rexión, a estrutura demográfica los sectores
produtivos,(fundamentalmente a agricultura e
a pesca) así como os aspectos financeiros.
La agricultura y el estancamiento económico de
Galicia en la España del Antiguo Régimen
Jaime García-Lombardero y Viñas. Madrid: Xiglo
XXI, 1973
Constituíu una das primeiras achegas sobre historia
económica de Galicia. Expón os factores esenciais que
contribuíron ao estancamento económico de Galicia
durante o século XIX e que xa actuaban durante o
ultimo século do Antigo Réxime.
Revista Galega de estudos agrarios
Director, X. Isla Couto. Santiago de Compostela,
1979-1983
Editada pola Xunta de Galicia, nace e un proxecto
que nace xa con apoio institucional. O seu
primeiro director foi Xaime Isla Couto. No consello
de redacción estaba X.M. Beiras. Nesta revista
colaboraron os que máis tarde serían destacados
economistas e políticos de Galicia: Ceferino Díaz,
Emilio Pérez Touriño, Juan Quintás Seoane,
entre outros.
O atraso económico de Galicia
X.M. Beiras Torrado. Vigo: Galaxia, 1972
Acadou xa un grande impacto no momento da súa publicación, a principios da década
dos 70 cando tanto na sociedade como na academia se estaban a debater cuestións
relativas a economía galega. Posteriormente, foi a obra que tivo unha maior
transcendencia, tanto académica como política, de xeito que se converteu na gran
referencia na recen creada Facultade de CC. Económicas de Santiago de Compostela
para os estudantes e parte do seu profesorado, nuns tempos de gran inquietude
intelectual e política.
O libro supuxo un achegamento novo aos problemas económicos de Galicia que para
moitos dos seus contemporáneos resultou ser revelador, aínda que tamén foi obxecto
de numerosos debates. Estre as réplicas atopámonos con obras dos seus alumnos
como “Agricultura y capitalismo: análisis de la pequeña producción campesina” de
Emilio Pérez Touriño ou “A outra economía galega” de Albino Prada e Abel López,
prologada polo propio Beiras.
Hoxe segue a ser unha obra fundamental, un clásico, da bibliografía económica galega.
Economía e población en Galicia
Xosé Antonio López Taboada. A Coruña, Edicións do
Rueiro, 1979
Estudo científico sobre a demografía de Galicia na
segunda metade do século XIX e primeira década do
século XX que sitúa os resultados dentro do marco
histórico da economía galega.
O autor defende a tese de que mentres que a Galicia do
século XIX era un dos elementos precoces e mellor
situados dentro do conxunto hispánico, a inmobilidade
das súas estruturas económicas e modos de produción
anacrónicos entre outras causas, situárona nun punto
morto no século XX, imposible de superar sen
transformacións considerables na súa economía.
A Galicia Rural na encrucillada
AA.VV. Vigo: Galaxia, 1975
Tratase dunha obra colectiva, de trece autores, entre
os que se atopaban X.M. Beiras, R. Lopez-Suevos,
Camilo Nogueira, Odón Abad Flores ou Avelino Pousa
Antelo que no seu día participaron no ciclo de
conferencias que baixo ese mesmo título organizou a
agrupación cultural “O Facho” na Coruña. Os traballos
agrupáronse en 5 apartados un dos cales titulábase “As
relacións económicas e sociais”, dentro dun conxunto
de ensaios encol do mundo rural e campesiño, coa
intención de comprender os problemas do home
galego no seu conxunto.
Estrutura da pesca costeira galega
Fernando I. González Laxe. Vigo: Galaxia, 1977
González Laxe, xa desde os anos 70 comeza a analizar o sistema económico da pesca
galega, poñendo de manifesto a carencia de investigacións académicas sobre o tema e
a necesidade dun estudo profundo que tivera como finalidade a proposta dunha
reforma pesqueira para facer fronte a crise que padecía o sector. Un ano antes xa
publicara tamén en Galaxia “Problemas da pesca costeira ga lega” e no 77
“Desenrolo capitalista e crise pesqueira”. Este último ten como base os relatorios
presentados no Seminario de Economía Pesqueira da Facultade de CC. Económicas de
Santiago, así como artigos de revistas e xornais publicados nestes anos polo autor.
Como curiosidade resaltamos a dedicatoria do libro, que resultou ter algo de profética
e as verbas limiares de X.M. Beiras que ilustran esa nova concepción da universidade
que nestes anos reivindicaba un sector do profesorado como contraposición “a ese
vello corpo esclerosado da institución oficial.”
Escedente económico e análise estructural
Ramón López-Suevos Fernández. Vigo: Galaxia, 1977
Trátase da edición comercial da tese doutoral, que foi
defendida polo autor en Santiago de Compostela en
1974. Non puido ser escrita en galego por precepto
legal e foi traducida por Pilar García Negro.
O autor fai una rigorosa investigación sobre un tema
considerado importante para a elaboración dunha
política de desenvolvemento apropiada para Galicia:
o concepto de excedente e o seu papel no análise
estrutural do desenvolvemento económico nas
economías campesiñas subdesenvolvidas .
Anteriormente, no ano 1975, xa tiña publicado o
breve estudo “Cara unha versión crítica da economía
galega” prologada tamén, como moitas destas
obras, por X. M. Beiras.
O monte é noso
Círculo de Información y Estudios Sociales (CIES). Vigo: Galaxia,
1979
Este libro trata do conflito social que xurdiu na
década dos 70 provocado polo problema dos montes
veciñais en man común. A “Coordinadora de Montes
Comunais” formouse para reivindicar a devolución dos
montes aos veciños e foi a organizadora das Xornadas
que sobre o tema celebráronse en Pontevedra en
decembro de 1978 e cuxas contribucións recóllese
neste libro. A coordinadora tamén foi a produtora do
salientable documental do mesmo título que sobre
este tema realizou o director catalán Llorenç Soler
(dispoñible en libre acceso en internet).