o raciovitalismo: j. ortega y gasset · o raciovitalismo: j. ortega y gasset josé ortega y gasset...

16
1 O RACIOVITALISMO: J. ORTEGA Y GASSET José Ortega y Gasset é, sen dúbida, o filósofo español contemporáneo máis relevante, como o testemuñan a súa extensa obra e a súa atraente figura intelectual. Entre os logros máis destacables da súa variada actividade hai que sinalar a creación dunha linguaxe filosófica propia en lingua española, o impulso decidido que deu á filosofía para que ocupase un lugar digno na cultura española, e a construción dun sistema filosófico propio, coñecido como raciovitalismo ou filosofía da razón vital, a dedicaremos a maior parte desta Unidade. Pero tamén o seu tenaz labor editorial, a fundación de publicacións humanísticas de ampla difusión, e o seu meticuloso traballo de tradutor das principais obras filosóficas do pensamento europeo do momento. Sempre coa intención de dirixir os seus heteroxéneos escritos, mesmo os especificamente filosóficos, a un público culto pero amplo, nun empeño sostido por divulgar a filosofía como xénero literario. […] 1. CONTEXTUALIZACIÓN Marco histórico A vida e obra de Ortega (1883-1955) esténdese ao longo dun amplo e complexo período histórico. O desastre do 98, coa liquidación do imperio español de ultramar, xerou un movemento democratizador e rexeneracionista. As correntes intelectuais máis significativos deste período, coñecido como A idade de prata da cultura española f oron: a) A Xeración do 98. Preocupada polos problemas de España, a definición da súa identidade nacional e a toma de conciencia do seu atraso respecto a Europa. [ …] b) O Rexeneracionismo. Busca solucións teóricas e prácticas aos problemas seculares da sociedade española: a oligarquía e o caciquismo, a corrupción na administración, as causas do desastre, o analfabetismo...[…] c) A Institución Libre de Enseñanza. Que funcionou como unha Universidade privada de carácter laico, alternativa á educación oficial, e que tivo un grande prestixio intelectual nos medios liberais e cultos. Introduciu métodos pedagóxicos avanzados, liberdade de pensamento, antidogmatismo, espírito crítico e interese pola ciencia …. d) A Xeración de 1914. Nova xeración do primeiro terzo do s. XX caracterizada polo afán de apertura a correntes europeas e modernización (representantes…: Ortega). e) A Xeración do 27. Grupo de poetas e artistas que, en maior ou menor grao, sentíronse identificados co significado político e as realizacións da República…[…] A Idade de prata da cultura española foi bruscamente truncada pola Guerra Civil. O impulso renovador dunha cultura liberal, librepensadora, positivista, cosmopolita e laica non sobreviviu á guerra. Trala Guerra, os vencedores excluíron de España a un importante grupo de intelectuais que, coma Ortega, foran favorables á República. […] Aspectos biográficos de Ortega José Ortega y Gasset naceu en Madrid en 1883, nunha familia da burguesía liberal e ilustrada. Educouse nun ambiente familiar culto, moi ligado á actividade xornalística. Estuda Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, e amplía estudos en Alemaña. En 1910 consegue a cátedra de Metafísica da Universidade de Madrid.[…] En 1923 (ditadura de Primo de Rivera) crea e dirixe a Revista de Occidente, que mantivo informado ao lector de lingua española das cuestións filosóficas e humanísticas máis novidosas. Dende esta revista enfróntase abertamente á política represiva da ditadura, que o obriga en 1929 a renunciar á súa cátedra universitaria e continuar as súas clases no Teatro Infanta Beatriz; isto permítelle transmitir as súas ideas filosóficas a un amplo público non universitario. O seu compromiso político a favor da instauración da Segunda República en España queda patente na súa famosa frase ¡Delenda est Monarchia! (¡A monarquía debe ser destruída!). Dende a Agrupación ó Servizo da República participa directamente na vida política sendo elixido deputado a Cortes; pero retírase da mesma desilusionado.[…]

Upload: vokien

Post on 21-Jan-2019

231 views

Category:

Documents


0 download

TRANSCRIPT

1

O RACIOVITALISMO: J. ORTEGA Y GASSET

José Ortega y Gasset é, sen dúbida, o filósofo español contemporáneo máis relevante,

como o testemuñan a súa extensa obra e a súa atraente figura intelectual. Entre os

logros máis destacables da súa variada actividade hai que sinalar a creación dunha

linguaxe filosófica propia en lingua española, o impulso decidido que deu á filosofía para

que ocupase un lugar digno na cultura española, e a construción dun sistema filosófico

propio, coñecido como raciovitalismo ou filosofía da razón vital, a dedicaremos a maior

parte desta Unidade. Pero tamén o seu tenaz labor editorial, a fundación de publicacións

humanísticas de ampla difusión, e o seu meticuloso traballo de tradutor das principais

obras filosóficas do pensamento europeo do momento. Sempre coa intención de dirixir

os seus heteroxéneos escritos, mesmo os especificamente filosóficos, a un público culto

pero amplo, nun empeño sostido por divulgar a filosofía como xénero literario. […]

1. CONTEXTUALIZACIÓN

Marco histórico

A vida e obra de Ortega (1883-1955) esténdese ao longo dun amplo e complexo período histórico. O desastre do 98, coa liquidación do imperio español de ultramar, xerou un movemento democratizador e rexeneracionista. As correntes intelectuais máis significativos deste período,

coñecido como A idade de prata da cultura española foron: a) A Xeración do 98. Preocupada polos problemas de España, a definición da súa identidade nacional e a toma de conciencia do seu atraso respecto a Europa. […] b) O Rexeneracionismo. Busca solucións teóricas e prácticas aos problemas seculares da sociedade española: a oligarquía e o caciquismo, a corrupción na administración, as causas do desastre, o analfabetismo...[…] c) A Institución Libre de Enseñanza. Que funcionou como unha Universidade privada de carácter laico, alternativa á educación oficial, e que tivo un grande prestixio intelectual nos medios liberais e cultos. Introduciu métodos pedagóxicos avanzados, liberdade de pensamento,

antidogmatismo, espírito crítico e interese pola ciencia …. d) A Xeración de 1914. Nova xeración do primeiro terzo do s. XX caracterizada polo afán de apertura a correntes europeas e modernización (representantes…: Ortega).

e) A Xeración do 27. Grupo de poetas e artistas que, en maior ou menor grao, sentíronse identificados co significado político e as realizacións da República…[…]

A Idade de prata da cultura española foi bruscamente truncada pola Guerra Civil. O impulso renovador dunha cultura liberal, librepensadora, positivista, cosmopolita e laica non sobreviviu á guerra. Trala Guerra, os vencedores excluíron de España a un importante grupo de intelectuais

que, coma Ortega, foran favorables á República. […] Aspectos biográficos de Ortega

José Ortega y Gasset naceu en Madrid en 1883, nunha familia da burguesía liberal e ilustrada. Educouse nun ambiente familiar culto, moi ligado á actividade xornalística. Estuda Filosofía e

Letras na Universidade de Madrid, e amplía estudos en Alemaña. En 1910 consegue a cátedra de Metafísica da Universidade de Madrid.[…]

En 1923 (ditadura de Primo de Rivera) crea e dirixe a Revista de Occidente, que mantivo informado ao lector de lingua española das cuestións filosóficas e humanísticas máis novidosas. Dende esta revista enfróntase abertamente á política represiva da ditadura, que o obriga en 1929

a renunciar á súa cátedra universitaria e continuar as súas clases no Teatro Infanta Beatriz; isto permítelle transmitir as súas ideas filosóficas a un amplo público non universitario. O seu compromiso político a favor da instauración da Segunda República en España queda patente na

súa famosa frase ¡Delenda est Monarchia! (¡A monarquía debe ser destruída!). Dende a Agrupación ó Servizo da República participa directamente na vida política sendo elixido deputado a Cortes; pero retírase da mesma desilusionado.[…]

2

Ao comezar a Guerra Civil en 1936 auto exiliase en París. Logo trasládase a Arxentina país no

que vive dende 1939 ata 1942. Posteriormente fixa a súa residencia en Portugal. Ao finalizar en 1945 a II Guerra Mundial Ortega regresa a España, por amor ao seu país e aos seus discípulos da Escola de Madrid. Tamén por volver cos seus fillos que residen en Madrid. Pero o Réxime de

Franco, que Ortega rexeitou abertamente, ignórao e menosprézao. Nunca foi reposto na súa cátedra universitaria. A partir dos anos 50 viaxa de novo a Alemaña onde é recibido coas honras. En 1955, regresa definitivamente a Madrid, onde falece ao pouco tempo.[…]

Principais obras

As Obras Completas de José Ortega y Gasset publicadas en 1983 por Alianza Editorial ocupan doce grosos tomos. Aquí só recollemos algúns do títulos máis significativos: El Espectador (1916-1934). España invertebrada (1921). El tema de nuestro tiempo (1923). La deshumanización del

Arte e Ideas sobre la novela (1925). ¿Qué es filosofía? (1928-1929). La rebelión de las masas (1930). Unas lecciones de metafísica (1932-33) En torno a Galileo (1933-34). Historia como sistema (1935). Meditación de la técnica (1939). Ideas y Creencias (1940). Sobre la razón

histórica (1940). Origen y epílogo de la Filosofía (1946). El home y la gente (1949-1950). La Idea de principio en Leibniz y la evolución de la teoría deductiva (1947). Meditación de Europa (1949). Papeles sobre Velázquez y Goya (1950). Pasado y porvenir para el hombre actual (1951-

1954).[...]

2. CONCEPTO ORTEGUIANO DE FILOSOFÍA

É probable que o sistema filosófico de Ortega, o raciovitalismo ou filosofía da razón vital,

non sexa a parte máis orixinal, nin sequera a máis valiosa da súa extensa e polifacética

actividade intelectual. Trátase máis ben dunha construción ecléctica, que toma as súas

ideas e principios de diversas fontes anteriores ou coetáneas, para ensamblalas ao

longo dun dilatado período de tempo. Por iso, antes de entrar na exposición detallada

do seu sistema filosófico, ímonos referir brevemente aos variados perfís e aspectos que definen a súa actividade intelectual.

Facetas da actividade intelectual de Ortega

a) Escritor e ensaísta. Como subliña Julián Marías: Ortega é un grande escritor; entre

a media ducia de admirables prosistas españois do século...Os seus dotes literarios

permitíronlle levar a cabo unha transformación na linguaxe e no modo de escribir, e crear unha terminoloxía e estilo filosófico en español que non existían...

Plenamente convencido da vocación literaria do saber filosófico, Ortega arremeteu

duramente contra o provincianismo intelectual dos que non comprenderon a

continuidade entre filosofía e literatura (os que me acusan de non facer máis que

literatura). Isto fai que o seu estilo intelectual estea cheo de sorprendentes imaxes,

brillantes metáforas, comparacións acertadas, sutís intuicións, frases cheas de enxeño e abundantes neoloxismos. […]

O estilo intelectual de Ortega en toda a súa obra, ademais de plenamente literario é

ensaístico. Mediante o ensaio creador como forma de reflexión apostou por superar o

carácter tradicionalmente hermético da filosofía co fin de ensanchar o seu horizonte

cultural. Afirmaba Ortega que a claridade é a cortesía do filósofo…Por iso o seu pensamento non está exposto de forma ordenada e metódica ao longo dos doce tomos

3

das súas Obras Completas (nin sequera o seu sistema filosófico, o raciovitalismo),senón

que o seu pensamento aparece disperso en prólogos, meditacións, recompilacións

académicas, artigos xornalísticos, conferencias… O ensaio creador tamén se ocupa de

grandes núcleos, temas e problemas da filosofía tradicional, pero dende unha perspectiva inacabada, provisional, puntual e fragmentaria.

Ortega estaba convencido de que o seu labor como escritor e ensaísta era conseguir

que a filosofía tivese un peso específico na conciencia colectiva de España e, ademais,

que estivese expresada nun castelán novidoso e impecable. Como di J. Marías: Ortega

extrema o esforzo por facerse intelixible, ata inducir ao lector a crer que, xa que o

entendeu sen fatiga, non ten que fatigarse para entendelo de todo.

b) Xornalista e intelectual comprometido. A idiosincrasia liberal e ilustrada así como

a tradición periodística da súa familia foron decisivas para a futura actividade intelectual.

Ortega foi un adiantado da figura do intelectual comprometido cos problemas do seu

tempo. Tamén cultivou todos os subxéneros xornalísticos: artigos políticos, editoriais, recensións, comunicacións filosóficas, crítica literaria, crónica.[…]

c) Profesor universitario e fundador da Escola de Madrid. Ortega tamén creou unha

propia forma de expresión académica nas aulas universitaria, recollida e imitada polos

seus discípulos da Escola de Madrid e xeracións sucesivas de filósofos que aprenderon

nela os seus xenerosos recursos. Cultivou a conferencia como un xénero filosófico, e

algunhas das súas obras máis divulgadas son compilacións de conferencias ou de leccións maxistrais que Ortega impartiu dende a súa cátedra universitaria. […]

Por outra banda, Ortega incorporou á cultura filosófica española mediante traducións de

referencia obrigada un repertorio de obras clásicas que representan as achegas máis

valiosas do pensamento europeo, especialmente do alemán. Pódese afirmar, para

rematar, que o pensamento de Ortega exerceu en España un considerable influxo filosófico e cultural.[…]

Sentidos da actividade filosófica

Na obra de Ortega aparecen varios sentidos complementarios da actividade filosófica: a) A filosofía como actividade constitutiva do home . Todo home é, en maior ou

menor medida, un filósofo, posto que a súa condición humana lle esixe, sen que poida evitalo, formularse un conxunto de preguntas ineludibles. A orixe do saber filosófico está precisamente nesta confrontación mundana do home coas dimensións esenciais da súa propia condición.[…] b) A filosofía como reflexión fundante sobre a totalidade do real. Toda a realidade,

todos os seres ou entes por insignificantes que parezan caen baixo a súa atenta mirada desveladora. A reflexión filosófica non debe aterse en exclusiva aos clásicos temas e problemas académicos senón que ten que dirixir a súa mirada indagadora a calquera dos asuntos vitais que a reflexión racional pode esclarecer… O filósofo, segundo o título dunha das obras máis importantes de Ortega, debe ser un espectador atento do mundo circundante e das súas posibilidades de ser recreado en novidosas e insólitas perspectivas. A súa aspiración intelectual debe ser o universalismo, é dicir, a pretensión de mirar de cara ao universo e conquistalo íntegro. A esta dirección polifacética da filosofía de apertura total ao mundo que nos rodea, Ortega denominouna imperativo de pantonomía.

4

c) A filosofía como un saber libre de supostos. A filosofía é un saber racional porque

na súa actividade ten que renunciar expresamente a fundamentar a súa indagación en algo que non sexa a propia razón. Trátase dun principio metódico: a filosofía debe ser un saber libre de supostos previos... Filosofar é formularse un problema absoluto, o comezo da cal ten que ser alleo a calquera clase de pre-xuízos ou crenzas anteriores. Ortega deu o nome de imperativo de autonomía a este sentido da actividade filosófica.[…] d) A filosofía como aventura intelectual. Mentres que as ciencias particulares teñen

definido, é dicir, delimitado e segmentado de antemán o seu obxecto, a filosofía é unha busca do descoñecido como tal. A filosofía é unha aventura do pensamento cuxo obxecto é a realidade toda. De aí que Ortega sosteña que a filosofía consiste no coñecemento integral do universo como enigma. O filósofo é un ollador do descoñecido posto que ao iniciar a súa andaina ignora o seu obxecto. A actividade filosófica consiste no esclarecemento ou iluminación racional do sentido do universo, entendido este como o que radicalmente non sabemos, o que absolutamente ignoramos no seu contido positivo. Tal aventura e indagación debe entenderse como desvelamento, alétheia ou revelación do sentido oculto das cousas que a presentan na súa opacidade aínda invisible á razón, e tamén como positiva creación ou outorgamento de sentido aos obxectos aínda en bruto (antes de revelar o seu sentido) do universo.[…] e) A filosofía como unha forma de coñecemento teórico posible e válido. A filosofía

é unha forma de saber cunha tradición de contidos específicos e unha linguaxe propia. O saber filosófico contraponse ao obxecto e método das ciencias naturais: mentres que a ciencia positiva se ocupa meramente de feitos, de cousificar a realidade, o ámbito de reflexión filosófico diríxese, como veremos, ao mundo da vida, de aí que Ortega dera ao seu sistema filosófico o título de raciovitalismo. […] 3. INFLUENCIAS RECIBIDAS

Antes de entrar na exposición do sistema filosófico de Ortega, o raciovitalismo, convén analizar as influencias que incidiron directamente na elaboración teórica do mesmo, para valorar a súa orixinalidade e comprender o seu significado filosófico. Neokantismo e Etoloxía a) Neokantismo: Nos seus anos de formación filosófica en Alemaña, Ortega estuda cos

máis significativos pensadores neokantianos da Universidade de Marburgo. Alí obtivo un coñecemento rigoroso de Kant e interesouse polas condicións epistemolóxicas da constitución da obxectividade. O neokantismo é un movemento filosófico que se propuxo na segunda metade do século XIX recuperar a filosofía de Kant nos seus diversos aspectos (razón teórica, razón práctica, etc.). Utilizan, polo tanto, o método transcendental, é dicir, a análise das condicións transcendentais ou a priori do coñecemento. Insisten en que o coñecemento non é unha representación psicolóxica do obxecto, senón nunha construción do significado a partir de condicións empíricas e transcendentais. Houbo distintas correntes neokantianas. A orientación filosófica da etapa inicial do pensamento de Ortega, o obxectivismo, debe ser entendida dende esta formación neokantiana.

b) Etoloxía: Jakob von Uexküll (1864-1944) foi un eminente biólogo alemán e filósofo

da bioloxía, teoriza acerca do concepto de umwelt, que é o ámbito, o medio ou mundo circundante no que se desenvolven as distintas especies de seres vivos. Ao mundo

5

circundante, común a todas as especies, contrapón Uexküll o mundo percibido, que está constituído polos patróns biolóxicos de percepción específicos de cada especie que lle permiten responder aos estímulos do ámbito de modo adaptativo e cumprir co seu programa vital. O medio ou mundo circundante propicia as condicións da construción particular ("subxectiva") da realidade, o mundo percibido, de cada un dos distintos organismos. A funcionalidade adaptativa dos seres vivos na descodificación do sistema de signos e sinais do mundo circundante explica a amplitude dos seus patróns de supervivencia e a complexidade do seu programa vital. A súa obra Umwelt und Innenwelt der Tiere influíu en Ortega, quen promoveu a edición do libro en lingua española. Os conceptos de ámbito ou mundo circundante e mundo percibido, de Uexküll, son un precedente do eu e as miñas circunstancias, do circunstancialismo orteguiano (segunda etapa do seu pensamento). Vitalismo e Historicismo

a) Vitalismo: O vitalismo é unha corrente do pensamento que considera a vida como o

problema filosófico fundamental sobre a cal se elabora toda explicación sobre o home, o coñecemento, a ética, etc. Os principais representante do vitalismo son Friedrich Nietzsche (1844-1900), Georg Simmel (1858-1918), Henri Bergson (1859-1941). A influencia Nietzsche é notoria en tres conceptos centrais do pensamento de Ortega: - Vida. Nietzsche considera a vida como realidade primeira e fundamental e tamén como

un ámbito autónomo ou independente nun dobre sentido: ontolóxico, xa que a vida non se deixa reducir á bioloxía ou a neurofisioloxía, e epistemolóxico, xa que a vida non pode ser coñecida e interpretada con validez dende as ciencias positivas senón dende a arte. Esta idea da vida como realidade radical e ámbito específico é plenamente aceptada por Ortega. - Perspectiva. Para Nietzsche non hai feitos obxectivos, polo tanto non hai verdades

absolutas ou únicas senón meras interpretacións. O mundo é como un prisma de infinitas caras cada unha das cales reflicte unha perspectiva fragmentaria e innovadora da realidade. A Verdade é sempre perspectiva. Propiamente non hai feitos senón valores sobre a vida. O perspectivismo de Nietzsche ten carácter fragmentario (a verdade sempre se mostra na visión illada ou inconexa de cada perspectiva), mentres que o de Ortega ten carácter acumulativo (a verdade consiste na suma ou integración complementaria de perspectivas), pero a teoría do coñecemento é esencialmente a mesma. - Razón. Neste caso a influencia no pensamento de Ortega prodúcese por reacción

oposta á concepción nietzscheana. Segundo Nietzsche, a perda do rumbo da filosofía na cultura occidental comeza en Grecia co triunfo do home teórico e a concepción racional do mundo fronte ao artista tráxico e a consideración estética da vida. As grandes ideas metafísicas levantadas pola razón especulativa teñen como función fixar e deter o movemento real da vida (a pluralidade, o azar, a dispersión, o carácter fragmentario do real, o seu carácter amoral e inocente, o eterno retorno) e tamén protexer a conciencia do sentido tráxico da vida (o risco, a perda, a dor cósmica, a vontade de poder) mediante a edificación de mundos imaxinarios que a adormecen e a fan insensible... Ortega reivindicará, fronte a esta concepción nietzscheana, a filosofía como unha forma de coñecemento racional posible e válida, como filosofía da razón vital oposta a todos os irracionalismos, entre outros o de Nietzsche. Georg Simmel elaborou tamén un sistema vitalista con estas características: - Perspectivista, xa que para Simmel só hai enfoques individuais da realidade. Non hai

unha visión do mundo absolutamente certa senón visións particulares e parciais. As

6

perspectivas do mundo, como a obra de arte, son infinitas. Cada metafísica é parcial e relativa, unha interpretación particular do mundo. - Relativista, xa que cada visión metafísica é unha verdade relativa e a relatividade é a

esencia mesma da verdade como "imaxe" parcial do mundo. Cada metafísica é unha visión emerxente do mundo e da verdade xurdida do seo mesmo da vida e que xera posteriormente novas interpretacións. - Pragmática, por canto o coñecemento, para Simmel, non depende de estruturas

psicolóxicas, criterios lóxicos ou procedementos metodolóxicos, senón da utilidade e do carácter práctico que os coñecementos adquiridos teñen para a solución dos problemas da vida. Henri Bergson, premio Nobel de literatura en 1927, considerou a noción de vida dende a súa dimensión biolóxica e, dende posicións próximas ao vitalismo biolóxico, para declarala irreducible á mera materia. A filosofía bergsoniana inscríbese no contexto da crítica ao positivismo, á psicoloxía asociacionista e ao neokantismo, e aparece como continuadora de certo espiritualismo, pero destaca especialmente o seu enfoque vitalista.

- A vida, segundo Bergson, é dinamismo, pura heteroxeneidade e diferenza infinita, froito

do impulso vital, da evolución creadora. A vida é a irrupción da liberdade na materia. Coñecemos a vida mediante a intuición. Na intuición cáptase o infinito proceso creador da vida (evolución creadora) á vez que nos libera dos esquemas abstractos da razón que fixan e deteñen o fluxo inesgotable da vida. - Segundo Bergson, as ciencias e a filosofía operaron sempre coas categorías do

pensamento conceptual, incapaz de aprehender a vida e o tempo real. En vez das formas ríxidas que impón a razón á imaxe do mundo, Bergson insiste na captación do fluxo cambiante das experiencias vitais. A intuición é a única actividade mental cognitiva que proporciona unha verdade acorde coas experiencias reais do mundo. Alí onde o intelecto deforma a realidade, a intuición capta a experiencia vital como é. A intuición permite un coñecemento da realidade máis profundo que o proporcionado pola intelixencia abstracta, e fai posible a superación das barreiras interpostas pola linguaxe natural ou científico, incapaz de fundirse co mundo da vida. Os filósofos vitalistas da súa época influíron na concepción que tiña Ortega da vida como realidade radical e centro das súas reflexións. Tamén do vitalismo aceptou a división entre o mundo da natureza e o mundo da vida como ámbitos ontolóxicos e epistemolóxicos separados e específicos.[…] b) Historicismo: co nome de historicismo coñécese unha ampla corrente de

pensamento que se caracteriza por conferir á historia (razón histórica, historicidade, realidade histórica, temporalidade) un papel preponderante no sistema filosófico posto que toda realidade ten finalmente un significado histórico. O principal pensador historicista do século XIX é Wilhelm Dilthey (1833-1911) quen estableceu a distinción entre ciencias da natureza (baseadas nos feitos empíricos e a explicación causal) e as ciencias do espírito (baseadas na comprensión da vida social e cultural). A comprensión (Vers tehen), termo que se contrapón á explicación descritiva e causal das ciencias da natureza, significa que o coñecemento dos feitos históricos debe facerse dende un punto de vista psicoloxista: hai que centrarse na interpretación dos fins subxectivos e as causas finais dos sucesos, os motivos e intencións da acción (a

7

estrutura intencional), o sentido interno dos feitos ("dende dentro"), as peculiaridades individuais e únicas dos actores, a reconstrución empática (dende o punto de vista dos actores) dos acontecementos e a atmosfera espiritual e emocional da época... As ciencias do espírito baséanse na realidade radical da vida humana, a súa interpretación e sentido. O grande descubrimento de Dilthey é a historicidade de calquera realidade e, polo tanto, da vida. A historicidade comprende todos os produtos do home incluídas as ciencias naturais, as matemáticas, a arte ou a filosofía. A razón histórica abrangue a totalidade do coñecemento humano. A influencia de Dilthey é enorme e maniféstase na concepción que tiña Ortega da razón vital como razón histórica, a distinción entre ciencias da natureza e ciencias da vida, a interpretación comprensiva como método do ensaio creador e a filosofía como unha forma peculiar e válida de coñecemento, diferente da ciencia. Fenomenoloxía e Existencialismo

a) Fenomenoloxía: Edmund Husserl (1859-1938), fundador e principal representante

desta importante corrente filosófica contemporánea, intentou facer da filosofía non un saber subxectivo senón unha ciencia estrita. Toma como punto de partida a "crise da ciencia", a cal, na súa opinión, é debida ao obxectivismo ou naturalización das ciencias positivas xa que limitaron o coñecemento científico á matematización dos feitos observables e cuantificables. Polo tanto, a fenomenoloxía preséntase como unha alternativa ao positivismo científico. A filosofía de Husserl pretende ser unha ciencia das esencias, por contraposición á ciencia dos feitos positivos. O lema da súa filosofía é ás cousas mesmas, co que se refire á intención de acceder mediante un método axeitado (método fenomenolóxico) á intuición das esencias ou intuición eidética. Trátase dunha ciencia obxectiva que busca a descrición rigorosa e desinteresada das esencias en canto son dadas á conciencia pura no seu ser mesmo e sen adherencias ideolóxicas. A esencia non é para Husserl o significado do concepto ou universal que resulta, en sentido lóxico ou lingüístico, do proceso de abstracción, senón o contido de verdade do fenómeno unha vez que foi depurado (reducións) dos residuos ideolóxicos que o escurecen e dos significados superpostos que o contaminan, os cales foron incorporados polos supostos previos ou pre-xuízos históricos, os símbolos culturais, as crenzas, a tradición, a linguaxe natural ou, como acontece co obxectivismo epistemolóxico, pola exposición exclusiva das propiedades físico-matemáticas. O método fenomenolóxico, consta de varias etapas (redución fenomenolóxica, redución eidética e redución transcendental) que conducen á constitución final da conciencia pura como órgano de coñecemento do mundo das esencias. A intención final da fenomenoloxía é explicar o sentido do mundo da vida (Lebenswelt), o mundo orixinario do home, anterior a calquera división das ciencias e dende o que estas deben ser fundamentadas. É un ámbito de realidade ao que, segundo Husserl, a reflexión filosófica puxo ata agora pouca atención a pesar da súa riqueza e de constituír a base de toda experiencia individual. Husserl influíu en Ortega na pretensión do raciovitalismo, na súa etapa inicial, de coñecer as cousas en si mesmas (obxectivismo), a crítica do naturalismo das ciencias positivas como única forma de coñecemento válido e a necesidade da filosofía de fundamentar o mundo da vida.

8

b) Existencialismo: o Existencialismo é un movemento filosófico que tivo grande

influencia nalgúns pensadores dos séculos XIX e XX e que comprende numerosas tendencias, case tantas como pensadores existencialistas. Pero todos se caracterizan pola énfase posta na existencia individual ou concreta e, en consecuencia, na subxectividade, a liberdade e os conflitos ou contradicións da vida como proxecto único e irrenunciable. Trátase dun movemento filosófico que trata de fundar o coñecemento de toda realidade (natureza, home, sociedade, acción, Deus) na experiencia individual e irrepetible da propia existencia. Do mesmo modo que para o vitalismo a vida, o mundo da vida, é o centro da actividade filosófica, para os existencialistas é a existencia e os seus modos existenciais. O punto de partida da reflexión filosófica é a vivencia existencial que se traduce na clasificación e descrición detallada dos modos ou categorías da existencia a través dos que se revela o sentido específico e a condición peculiar da presenza do home no mundo. Polo tanto, o principal obxecto de reflexión da filosofía é a existencia concreta e os modos ou categorías de existir. Entre os seus principais representantes están Jean Paul Sartre (1905-1980) e Martin Heidegger (1889-1976). A analítica existencial de Heiddegger inclúe como principais determinacións do existir individual ou categorías existenciais: o ser-no-mundo, a facticidade e o coidado, o ser- impersoal e o ser-para-a-morte, a conciencia e a resolución, a temporalidade e a historicidade, a transcendencia e a nada... Resulta evidente o influxo deste pensador alemán na clasificación orteguiana das denominadas categorías da vida, formuladas e desenvolvidas como categorías existenciais, especialmente as de ocupación, liberdade, proxecto e temporalidade, que exporemos con detalle no apartado correspondente. 4. ETAPAS NA CONSTRUCIÓN DO SISTEMA

O sistema filosófico de Ortega, o raciovitalismo, procede da superposición de diversas influencias teóricas, antes citadas. Trataremos agora de presentar, en primeiro lugar, as etapas a través das que se construíu o sistema, e, posteriormente, expoñer as ideas centrais do raciovitalismo unha vez consolidado. Obxectivismo

Esta primeira etapa no desenvolvemento do pensamento de Ortega está comprendida entre os anos 1902-1914 e considérase rematada coa publicación do seu primeiro libro, Meditaciones del Quijote, obra que adoita considerarse como o punto de partida da segunda etapa do pensamento orteguiano. Trátase aínda dunha etapa de formación e coincide cos seus anos de formación filosófica en Alemaña. Alí estuda cos máis significativos pensadores neokantianos da Universidade de Marburgo polo que adquiriu un amplo coñecemento da obra de Kant. A Escola de Marburgo caracterizouse por unha decidida orientación cara ás ciencias da natureza e a construción do coñecemento obxectivo. Como consecuencia desta liña de traballo Ortega interesouse pola ciencia positiva e as súas condicións epistemolóxicas. É, por outra parte, a época en que Ortega defende un depurado europeísmo. O contacto coa investigación filosófica alemá fai que Ortega se formule "o problema de España": a situación de atraso secular de España respecto de Europa. O obxectivismo como etapa do pensamento de Ortega xorde precisamente da conciencia histórica da distancia intelectual entre España e Europa. A solución a esta permanente disonancia é, segundo

9

Ortega, o rigor e a disciplina mental que proporciona o obxectivismo científico. Agora ben, para que esta salvadora pauta intelectual botase raíces en España e a cultura española se impregnase de xeito fecundo das ideas e valores europeos, era necesario evitar as dúas desviacións en que caera: o individualismo e o relativismo, dominantes nas ideas e a idiosincrasia española e que se resumen na frase de Ortega: O subxectivo é o erro. A terapia europeísta consiste en aproximarnos e imbuírnos sen complexos daquilo que caracterizou dende Grecia á auténtica cultura europea e o abandono do cal foi a causa do desfase entre Europa e España: a ciencia. A ciencia positiva é o lexítimo feito diferencial da cultura europea. O coñecemento científico e as súas aplicacións técnicas fixeron posible o avance material e moral das nacións europeas que sostiveron unha rigorosa visión científica da realidade natural e social. Por desgraza, España separouse historicamente deste ideal de progreso. A ciencia é a consecuencia dunha férrea disciplina intelectual, tipicamente xermana, que ten a súa orixe no hábito intelectual do obxectivismo. Á súa vez, o obxectivismo aliméntase, segundo Ortega, do rigor lingüístico, a precisión conceptual, a crítica sistemática, o exercicio da racionalidade teórica e a práctica dun método probado. Só estas actitudes sostida poden afastarnos definitivamente das desviacións, perniciosas para a cultura española, do subxectivismo. Dende un punto de vista propiamente filosófico, a consigna do obxectivismo é salvémonos nas cousas, frase que serve de rúbrica á tese radicalmente realista de Ortega: a verdadeira realidade son os obxectos. A actividade filosófica consiste na construción dos significados unívocos e exclusivos que constitúen a verdade do obxecto. As cousas son máis importantes que os homes, é máis, por esixencias da obxectividade é preciso tratar os homes como obxectos (por exemplo, nas ciencias sociais). Trátase dunha filosofía decididamente antihumanista, na cal o lugar do suxeito no problema da verdade pasa a segundo plano e finalmente esvaécese ante a consistencia das cousas. De todo iso Ortega se retractará máis adiante posto que estas ideas son xustamente as opostas das que sosterá en etapas posteriores. Circunstancialismo

Nesta segunda etapa do seu pensamento Ortega distánciase considerablemente das ideas da etapa anterior. O inicio da segunda etapa da filosofía de Ortega sitúase o arredor de 1910 nun ensaio titulado Adán en el Paraíso. Aquí emprégase por primeira vez o termo vida nun sentido biográfico, individual, único: a vida é o individual, di Ortega. Ademais insiste en que todo o que rodea ao home é unha compoñente esencial do biográfico. Por estas intuicións iniciais, o seu sistema filosófico considérase como unha forma de vitalismo. Pero Ortega define con máis precisión a vida como coexistencia. Adán é un símbolo do eu individual e o Paraíso do mundo que o rodea. No seu primeiro libro completo, Meditaciones del Quijote, en 1914, Ortega proponse de modo explícito e rigoroso a construción dun sistema filosófico mediante un achegamento á idea de vida como realidade radical (ou na cal radican todas as demais realidades). Nas Meditacións aparece xa formulado con rigor o concepto de circunstancia como expresión orixinal do núcleo da filosofía de Ortega. A circunstancia de novo defínese como todo aquilo que está en torno do home e o envolve como unha parte necesaria e inseparable de si mesmo: as cousas, en sentido xenérico e etimolóxico (res, asuntos) coas que coexistimos, os obxectos que usamos e rexeitamos, o presente inmediato e o pasado remoto, o natural e o cultural, o físico e o

10

histórico, o interpersoal e o social, o material e o espiritual... Eu son eu e a miña circunstancia… Son tres as ensinanzas que se desprenden do circunstancialismo orteguiano:

1. A vida como realidade radical na que botan raíces as demais realidades radicadas consiste na co-existencia, con-vivencia e co-pertenza do home e a súa circunstancia (é imposible separar un da outra).

2. Na vida non hai ningún feito aparentemente menor nin problema por nimio ou

insignificante que pareza, que non deban ser obxecto da reflexión filosófica. A actividade filosófica debe ser entendida como un permanente labor de caza da verdade. A idea de circunstancia comporta o mandamento filosófico de esclarecer a plenitude do significado de calquera asunto que se mostre ante nós. Este é o sentido do imperativo de pantonomía. Ademais, esta intención de universalidade do saber filosófico enlaza directamente co propósito dalgunhas correntes do pensamento contemporáneo de conferir por primeira vez un enfoque reflexivo a cuestións ("circunstancias", en terminoloxía de Ortega) que anteriormente foran consideradas de interese menor.

3. O ensaio creador, cultivado por Ortega con excepcional mestría, é o xénero

filosófico máis axeitado para este enfoque pantonómico, é dicir, totalizador ou universalista.

A filosofía da vida de Ortega comeza cun axuste de contas coas dúas grandes posicións filosóficas que percorreron xenericamente a historia da filosofía: o realismo e o idealismo.

O realismo, di Ortega, propón que a verdadeira realidade son os obxectos, as cousas que existen en si mesmas e independentes do suxeito que as pensa. Esta é a tese dos distintos pensadores realistas, como Aristóteles, Comte ou Marx. Pero o erro do realismo consiste en presupoñer con excesiva confianza que as cousas son seguras e consistentes. Xa Descartes advertira que o único seguro e consistente é o eu penso; polo que as cousas deben ser fundamentadas a partir desta evidencia e non ao revés. Por outra banda, eu non coñezo as cousas máis que en canto estou presente e son testemuña delas, son ideas miñas. As cousas soas, alleas a min, sonme descoñecidas, nada sei delas, nin sequera que existen. O suxeito, o eu, é a realidade radical. A proposta cartesiana, levada ás súas últimas consecuencias, consiste na afirmación de que eu podo existir sen as cousas, pero non ao revés.

Esta posición primaria do eu diante das cousas é precisamente a tese idealista que sostiveron, ademais de Descartes, filósofos como Kant, Hegel ou Husserl. Pero o idealismo tamén ten o seu punto débil que consiste en afirmar a autonomía e independencia do suxeito. En efecto, non se pode falar de cousas sen suxeito, pero tampouco dun suxeito sen cousas.

A solución ás insuficiencias teóricas de ambas as dúas posicións filosóficas é, para Ortega, a superación do realismo e do idealismo mediante a proposta da vida como realidade radical. En palabras de Julián Marías na súa Historia de la Filosofía: Eu non me atopo nunca só, senón sempre coas cousas, facendo algo con elas; son inseparable das cousas, e se estas me necesitan, eu necesítoas á miña vez para ser. Dun modo igualmente orixinario e primitivo, atópome co meu eu e coas cousas. A verdadeira realidade primaria -a realidade radical- é a do eu coas cousas. "Eu son eu e a miña

11

circunstancia"… Non hai prioridade ontolóxica nin epistemolóxica das cousas sobre o eu, como pensaba o realismo. Nin prioridade do eu sobre as cousas, como pensaba o idealismo… A vida é a co-pertenza entre o eu e as cousas, do eu coa súa circunstancia. Polo tanto, non se trata de dous elementos separables, senón que a vida como realidade radical consiste no quefacer do eu coas cousas, a preocupación e a ocupación do home polas cousas.

Perspectivismo

Na mesma obra Meditaciones del Quijote, aparece tamén a idea de que a perspectiva é un elemento constituínte da vida, xunto co eu e a circunstancia. O ser definitivo do mundo non é materia nin é alma, non é cousa ningunha determinada, senón unha perspectiva... En El espectador (1925) afirma que o punto de vista individual paréceme o único punto de vista dende o cal pode mirarse o mundo na súa verdade. (...) A realidade, precisamente por selo e acharse fóra das nosas mentes individuais, solo pode chegar a estas multiplicada en mil caras ou faces.

A verdade con que coñecemos a realidade non consiste para Ortega nun sistema de proposicións universais e necesarias, como sostivera, en termos neokantianos, na etapa do obxectivismo. A verdade consiste en saber interpretar a realidade dende a perspectiva individual na que cada un se acha situado. A verdade, o real, o universo, a vida -como o queirades chamar-, québrase en facetas innumerables, en vertentes sen conto, cada unha das cales dá cara a un individuo. Se este soubo ser fiel ao seu punto de vista, se resistiu á eterna sedución de cambiar a súa retina por outra imaxinaria, o que vexa será un aspecto real do mundo. Precisamente o contrario do perspectivismo é esa visión unitaria da verdade propia da etapa obxectivista, que agora Ortega rexeita por imposible e abstracta (no sentido peor do termo). Non son posibles para a razón humana as verdades absolutas, nin as descricións unívocas das cousas; non hai feitos obxectivos senón interpretacións subxectivas. Cada asunto do mundo é un prisma de infinitas caras, cada unha das cales reflicte unha perspectiva circunstancial e fragmentaria da realidade. Verdade é sempre, segundo Ortega, perspectiva. Agora ben, a multiplicidade de perspectivas vitais non debe dexenerar nun atomismo relativista, nun mundo de perspectivas illadas e incomunicadas, senón que o coñecemento debe aspirar a que tales perspectivas sexan complementarias. O coñecemento humano, na súa versión máis elevada, debe aspirar á continua integración de perspectivas, á terminación dun colosal "crebacabezas" do saber que, como a espiral da dialéctica hegeliana, probablemente sexa infinita. A obxectividade, é dicir, a verdade sobre a realidade, consiste precisamente en aceptar como válida a pluralidade de perspectivas e o seu carácter complementario. Por isto o perspectivismo como teoría do coñecemento supón para Ortega unha superación das concepcións epistemolóxicas máis relevantes sobre o concepto xeral de verdade: o escepticismo, o dogmatismo e o relativismo. […] Eu, circunstancia e perspectiva articúlanse como os elementos que serven para entender a vida como realidade radical. 5. O RACIOVITALISMO

O raciovitalismo ou filosofía da razón vital constitúe a culminación intelectual das etapas anteriores do pensamento de Ortega nun sistema filosófico rematado e completo. Os tres momentos cruciais da súa construción son: a crítica do racionalismo filosófico, as categorías da razón vital e a razón histórica.

12

A crítica do racionalismo realista e idealista

Xa nos referimos ao axuste de contas orteguiano co realismo e o idealismo como concepcións xerais da filosofía e como defende que a realidade das cousas (realismo) ou do eu (idealismo) danse previamente na vida posto que son vivencias ou momentos dela. Na mesma dirección que as anteriores reflexións, Ortega vai afondar nesta etapa na crítica ás dúas principais formas de racionalismo na historia moderna e contemporánea: o racionalismo realista e o racionalismo idealista. Analizamos o significado desta dobre crítica. 1.- As ciencias positivas, sexan naturais ou sociais, son, segundo o filósofo madrileño, a principal forma de racionalismo realista na cultura occidental. Pero parece tamén evidente que a razón realista ou naturalista, propia do método científico, vacila e non se sente segura ante a consideración teórica da vida humana. Acontece isto porque a vida humana non é exclusivamente un fenómeno natural nin pode reducirse cando intentamos coñecela a un conxunto de feitos dados, observables e verificables. A razón científica (matemático-experimental) é válida para o coñecemento dos fenómenos naturais, pero resulta insuficiente no que respecta ao coñecemento dos problemas humanos. O coñecemento orixinal das distintas dimensións da vida humana -o denominado mundo da vida (Lebenswelt) pola tradición fenomenolóxica de Husserl- é competencia exclusiva da actividade filosófica. O saber filosófico debe demostrar a súa especificidade e perspicacia no ámbito substantivo e irredutible da vida e as súas dimensións máis relevantes: biográfica ou individual, colectiva ou social, cultural e histórica. Como consecuencia da insuficiencia, afirma Ortega, da razón realista no tratamento das dimensións vitais do home e como reacción á convicción de que a ciencia positiva non pode fixar mediante leis o ámbito ontolóxico da vida, xurdiron ao longo do século XIX-XX todo tipo de vitalismos e irracionalismos. Pero, fronte aos irracionalismos, advirte que a filosofía por definición non pode selo e, polo tanto, non pode renunciar ao logos, é dicir, ao uso da razón. Ortega non se opón ao racionalismo en si mesmo, posto que é unha esixencia ineludible da filosofía, senón ao racionalismo realista da ciencia positiva que trata de explicar ese nivel de realidade independente que é a vida humana en termos exclusivamente naturais. A miña ideoloxía non vai contra a razón, posto que non admite outro modo de coñecemento teorético que esta: vai só contra o racionalismo. O fracaso do racionalismo realista na comprensión e interpretación da vida fai que sexa preciso reformular o método e as categorías do saber que aspira a coñecer a realidade radical dende supostos metodolóxicos e conceptuais distintos aos das ciencias experimentais. 2.- Pola súa banda, o racionalismo idealista moderno e contemporáneo interpreta a realidade dende categorías subxectivas, como sucede coa razón dedutiva en Descartes, a razón teórica ou práctica kantiana, a razón absoluta de Hegel ou a conciencia pura de Husserl... Para o racionalismo idealista, a realidade constrúese dende o pensamento, dende o polo do suxeito (dedutivamente en Descartes, constitutivamente en Kant, produtivamente en Hegel ou intuitivamente en Husserl). Non obstante, igual que acontece co racionalismo realista, o racionalismo idealista tamén fracasa no seu intento de coñecer e comprender a vida como realidade radical.

13

- No caso de Descartes a razón dedutiva non propón sequera como substancia o ámbito radical da vida, polo que se perde na consideración metódica das realidades radicadas.

- O pensamento de Kant é, ante todo, unha xustificación explícita da ciencia físico-matemática como a única forma válida de coñecemento teórico; ademais a ética do deber sitúase nun mundo ideal e imaxinario irremisiblemente afastado da vida.

- Pola súa parte Hegel, disolveu a vida nalgúns momentos particulares ou elos no desenvolvemento do espírito absoluto, a única realidade plena.

- Husserl chegou no seu sistema á definición do mundo da vida (Lebenswelt) como ámbito específico, pero o núcleo idealista da súa filosofía céntrase, segundo Ortega, na ficción metafísica da existencia dunha conciencia pura, dunha egoloxía pura allea ás vivencias empíricas do eu coa súa circunstancia biográfica, cultural, colectiva e histórica.

Para Ortega, por enriba da razón realista da ciencia positiva actual ou a idealista da filosofía clásica, está a razón vital. - É "razón" porque é logos rigoroso, fronte ás filosofías da vida irracionalistas que se

apartan, renuncian ou rexeitan a racionalidade (como a nietzscheana). - É "vital" porque a vida é anterior a calquera outro tipo de principio ou fundamento,

obxectivo ou subxectivo. A razón na súa autenticidade é razón vital. Isto quere dicir, concreta e taxativamente, que os conceptos fundamentais non os saca de si mesmo o intelecto ou a razón pura, senón que lle veñen impostos como necesidades vitais… A razón vital é a vida mesma e as súas dimensións que se realiza como razón; é a vida como órgano mesmo da comprensión e a busca de sentido. Só cando a vida mesma se converte en razón podemos falar de razón vital. Hai, nesta tese, unha defensa explícita do intelectualismo e da actividade filosófica como a forma máis elevada de existencia auténtica, de acordo por completo co intelectualismo da ética aristotélica. Hai que recordar que para Aristóteles a felicidade como fin último da vida consiste no exercicio da actividade propia ou característica do home. Agora ben, a actividade que corresponde máis axeitadamente ao ser humano é a intelectual. A plenitude ou realización da vida humana no seu grao máis alto consiste en actuar sempre conforme á razón. Categorías da razón vital

A filosofía, segundo o raciovitalismo, é a única forma de coñecemento posible e válido capaz de orientar a súa reflexión indagadora cara ao ámbito específico da vida como realidade radical. O seu método, é dicir, o camiño que debe seguir para coñecer a vida, é o ensaio creador, xénero filosófico que dirixe atenta a súa mirada á totalidade das realidades radicadas, e aspira a servirse dunha linguaxe innovadora e rigorosa, capaz de desvelar en cada caso o contido de verdade do seu obxecto. Así mesmo, a reflexión indagadora da razón vital supón a formulación dunha serie de categorías ou atributos que permitan captar e coñecer axeitadamente o ámbito da vida. Ortega entende por categorías da vida os conceptos que expresan vivir na súa exclusiva peculiaridade. ● Coexistencia. Consiste en atoparse co mundo. O mundo non é aquí a natureza ou

a cultura como realidades abstractas ou separadas, senón o vivido como tal. Significa encontro do eu singular co mundo. A coexistencia é sempre singularidade, carácter non repetible do individuo, perspectiva única do suxeito.

14

● Ocupación. É o modo de relación do eu co mundo. A vida consiste no que facemos.

O eu consiste, e non é outra cousa, que os modos de ocupación no mundo. O mundo é un ámbito de ocupacións. O que realmente caracteriza o home non é a súa condición biolóxica senón biográfica. A vida é un quefacer ao que non podemos renunciar. ● Vivencia. É todo aquilo do que nos imos ocupando e vaise depositando na nosa experiencia persoal. A nosa vida é unha sucesión de vivencias. A convivencia é unha forma particular, aínda que principal, da vivencia de ocupación do eu cos outros. ● Finalidade. A vida é finalidade, intencionalidade, apertura ao mundo: todo facer é

ocuparme en algo para algo. A vida non é algo prefixado senón finalidade e problema, liberdade. ● Liberdade. A circunstancia como compoñente necesario da vida implica que non é

posible a aceptación da liberdade completa do home, como supoñía o existencialismo de Sartre. A circunstancia (o temperamento e carácter, a familia, a época, a sociedade) non é algo que poidamos elixir, senón que, ao revés, a circunstancia que nos rodea condiciona o noso eu e non temos posibilidade de cambiala. Non obstante, o destino da nosa vida non está totalmente determinado pola circunstancia, senón que existe certa liberdade: somos conscientes dun feixe de posibilidades que nos esixen decidir e considerar a vida como problema. ● Proxecto. A liberdade supón, á súa vez, que a vida é anticipación e previsión,

preocupación como condición de posibilidade da nosa liberdade. Un proxecto vital é un ámbito de ocupacións. O proxecto consiste no que o home vaia sendo na súa coexistencia co mundo e na construción do seu eu. A vida é o inacabado, o que aínda non está feito, a categoría da temporalidade máis importante é o quefacer do porvir. A vida é sempre contemplar o futuro e arriscarse por un proxecto; a primacía que ten o futuro móstrase en que o presente sempre está mediatizado polo futuro posto que sempre actuamos para lograr o que queremos ser. ● Temporalidade. A substancia da vida é o tempo, a vida é futurización. Se a nosa vida consiste en decidir o que imos facer, quere dicirse que na raíz mesma da nosa vida hai un atributo temporal: a vida é proxección cara o futuro. Ocupación, liberdade e proxecto son categorías que proceden, en última instancia, da esencia mesma da vida como permanente axuste do devir temporal, do axuste individual entre pasado e futuro. A radical temporalidade da vida humana obríganos, en consecuencia, a desnaturalizar os conceptos referentes a vida e transmutalos en conceptos históricos. A razón vital, como dixemos, é razón histórica. A razón histórica

O auténtico horizonte de sentido da vida humana é sempre histórico. A historicidade é sempre a apertura ao sentido non inmediato senón profundo da vida. O home está sempre delimitado pola época histórica que lle tocou vivir. Calquera coexistencia co mundo circundante está sempre situada a unha altura determinada dos tempos. A circunstancia substantiva do eu é sempre e en última instancia de carácter histórico. A vida que funciona como razón é sempre histórica na interpretación definitiva das súas vivencias. O histórico está sempre presente en calquera dos momentos verdadeiros da razón vital. Todo coñecemento consistente da vida está penetrado pola historia. Polo tanto, a razón vital é necesariamente razón histórica. O tempo como categoría filosófica e o tempo da vida humana son sempre históricos. O home non ten natureza, o que ten é historia; porque historia é o modo de ser dun ente que é constitutivamente, radicalmente mobilidade e cambio. E por iso non é a razón pura, elástica e naturalista, quen poderá xamais entender o home. Por iso, ata agora, o home foi un descoñecido. Pois a historia é o modo de ser dun ente radicalmente variable e sen identificar. […]

15

A temporalidade, o tempo, como categoría xeral do ser, é no caso do home historicidade. A historicidade, a vivencia do tempo como historia, de forma consciente ou inconsciente, pertence necesariamente á vida, á biografía de cada un de nós. O significado histórico é a circunstancia e a perspectiva máis xenérica e envolvente da vida. O feito de que ás veces non sexamos conscientes, ou non o sexamos nunca, da envoltura histórica da nosa vida, non significa que esta non estea presente e oriente a nosa actuación en todo momento. Así pois, a razón vital é razón histórica. […] A historia é o horizonte de sentido máis afastado, a circunstancia máis xeral que envolve a nosa vida. A sociedade, o social como expresión actual da historia na vida individual, é o ámbito máis próximo en que estamos instalados aquí e agora. A exposición da razón histórica na súa dobre dimensión histórica (pasada) e social (presente), supón a elaboración dunha serie de nocións históricas e sociolóxicas que nos permitan aproximarnos a ela. A historia ten, segundo Ortega, unha estrutura precisa que consiste no desenvolvemento das xeracións. Cada home, cando se instala no mundo, atopa unha circunstancia histórica conformada por un repertorio de coñecementos, crenzas, ideas, usos, normas e valores do seu tempo. Esta concepción do mundo epistemolóxica, ideolóxica e axiolóxica ou valorativa (ciencia, política, moral, relixión, arte), esta visión coherente das cousas, mantén certa estabilidade e dura un tempo determinado. Ortega matiza que tal comunidade de supostos epistemolóxicos, ideolóxicos e axiolóxicos é tan envolvente e totalizadora que aínda que os individuos dunha xeración se esforcen por poñer de manifesto as súas diferenzas, en realidade as semellanzas que os unen son máis e máis importantes.

Unha xeración é unha zona de quince anos durante a cal certa forma de vida foi vixente. A xeración sería, pois, a unidade concreta da auténtica cronoloxía histórica, ou dito noutra forma, que a historia camiña e procede por xeracións. Agora compréndese en que consiste a afinidade verdadeira entre os homes dunha xeración. A afinidade non procede tanto deles como de verse obrigado a vivir nun mundo que ten unha forma determinada e única. Son precisamente as xeracións decisivas, en terminoloxía do autor, as que propician coas súas ideas os cambios cruciais ou saltos cualitativos da historia e determinan a articulación das épocas históricas. O denominado método das xeracións convértese para Ortega no máis esclarecedor instrumento de análise histórica. A pesar da lucidez innegable deste método e o uso cegador que Ortega fixo deste ao reflexionar nos seus escritos sobre os acontecementos políticos e culturais do seu tempo, é preciso recoñecer que non ten un significado científico senón ensaístico, polo que é criticable e está cuestionado dende unha historia entendida como ciencia social.

Ao referirse á sociedade, segundo ámbito circundante da vida e elemento esencial da razón histórica, Ortega distingue entre relacións individuais, interindividuais e sociais ou colectivas. - As primeiras son as específicas da vida humana. A vida na súa manifestación primaria

é sempre individual, é dicir, única e solitaria (soidade). - A convivencia interindividual está determinada por relacións primarias ou persoais,

"cara a cara", entre os individuos. Dentro desta convivencia estamos situados aínda no mundo da vida especificamente individual ou biográfica. - As relacións sociais, en cambio, son impersoais, nin sequera dependen de nós e teñen

un significado propio que non é de carácter psicolóxico ou individual senón sociolóxico ou colectivo. Un mesmo feito, por exemplo o noivado, pode ter á vez un significado

16

individual ou biográfico e outro diferente de carácter sociolóxico. Nas relacións sociais o individuo non decide nin controla a acción, senón que máis ben é controlado e movido a actuar por elas nunha determinada dirección. As relacións sociais son analizadas pola socioloxía comprensiva de Ortega mediante a noción sociolóxica de uso. Este concepto é o principal instrumento de análise da sociedade, aínda que de novo se trata dunha noción ensaística e non científica, e, polo tanto, cuestionable dende un punto de vista teórico. Os usos é o que se di, se pensa ou se fai. É o impersoal “se”. Os usos non xorden orixinalmente do individuo, senón que son impostos ao individuo pola sociedade pola xente. Se non os respectamos, o ámbito exerce represalias, sancións formais e informais. Os usos constitúen o núcleo en torno ao cal funciona a vida social e colectiva, unha forma de vida con significado propio sobreposta ao individuo. É vida, pero sen as súas características esenciais (eu, circunstancia, perspectiva), é vida impersoal, sen alma. A sociedade, a colectividade é a grande desalmada xa que é o humano naturalizado, mecanizado e como mineralizado.

Os usos permítennos predicir a condutas, convivir cos estraños, móstrannos a herdanza cultural do pasado (histórianos) e do presente (socialízannos), póñennos, en definitiva, a unha determinada altura dos tempos. Ademais facilítannos (automatízannos) e resolven moitas das situacións da vida, o que permite ao home unha marxe maior para a busca do individual e un renovado retorno a si mesmo mediante un proxecto que asuma a vida individual como conciencia reflexiva.