fichas didácticas galego

22
Presentación Actividade de educación ambiental en forma de exposición divulgativa sobre a biodiversidade vexetal. Dirixida ao alumnado de 12 a 18 anos que en Galicia corresponde ao ensino secundario obrigatorio e o bacharelato e en Portugal cobre o terceiro ciclo da educación escolar e o ensino secundario. A exposición proporciona información variada sobre a diversidade vexetal en Galicia e o norte de Portugal e está organizada arredor de tres núcleos principais: - A biodiversidade e os seus condicionantes - As especies ameazadas e as ameazas - Accións para a conservación das plantas ameazadas Estes núcleos principais complétanse cunha última área onde queremos recoller as opinións, pensamentos e ideas que a exposición motiva nas persoas que a visitan. O documento que estás a ler serve de apoio aos contidos da exposición e inclúe varias actividades para desenvolver antes e despois da visita á exposición. A nosa intención é que estas actividades lles sirvan aos educadores/as para poder integrar esta exposición na programación da aula, non só como unha actividade puntual, senón tamén como un proxecto educativo e de investigación arredor da biodiversidade vexetal. No enderezo web www.biodiversidade.eu, plataforma dixital do proxecto BIODIV-GNP, encontrarás información máis completa e actualizada, ademais doutros recursos útiles. Obxectivos e competencias Esta exposición é unha actividade de educación ambiental e, como tal, pretende contribuír a que as persoas e comunidades tomen conciencia do medio natural e, ao mesmo tempo, adquiran coñecementos, valores, destrezas, experiencia e tamén a determinación que as capacitará para actuar, individual e colectivamente, na prevención e afrontamento dos riscos ambientais presentes e futuros. Máis concretamente, son obxectivos desta exposición os seguintes: - Concienciar sobre os valores da biodiversidade vexetal e as ameazas que sofre en

Upload: exposicion-biodiv

Post on 24-May-2015

541 views

Category:

Documents


4 download

TRANSCRIPT

Page 1: Fichas didácticas galego

Presentación Actividade de educación ambiental en forma de exposición divulgativa sobre a biodiversidade

vexetal. Dirixida ao alumnado de 12 a 18 anos que en Galicia corresponde ao ensino

secundario obrigatorio e o bacharelato e en Portugal cobre o terceiro ciclo da educación

escolar e o ensino secundario.

A exposición proporciona información variada sobre a diversidade vexetal en Galicia e o

norte de Portugal e está organizada arredor de tres núcleos principais:

- A biodiversidade e os seus condicionantes

- As especies ameazadas e as ameazas

- Accións para a conservación das plantas ameazadas

Estes núcleos principais complétanse cunha última área onde queremos recoller as opinións,

pensamentos e ideas que a exposición motiva nas persoas que a visitan.

O documento que estás a ler serve de apoio aos contidos da exposición e inclúe varias

actividades para desenvolver antes e despois da visita á exposición. A nosa intención é que

estas actividades lles sirvan aos educadores/as para poder integrar esta exposición na

programación da aula, non só como unha actividade puntual, senón tamén como un proxecto

educativo e de investigación arredor da biodiversidade vexetal.

No enderezo web www.biodiversidade.eu, plataforma dixital do proxecto BIODIV-GNP,

encontrarás información máis completa e actualizada, ademais doutros recursos útiles.

Obxectivos e competencias Esta exposición é unha actividade de educación ambiental e, como tal, pretende contribuír a

que as persoas e comunidades tomen conciencia do medio natural e, ao mesmo tempo,

adquiran coñecementos, valores, destrezas, experiencia e tamén a determinación que as

capacitará para actuar, individual e colectivamente, na prevención e afrontamento dos riscos

ambientais presentes e futuros. Máis concretamente, son obxectivos desta exposición os

seguintes:

- Concienciar sobre os valores da biodiversidade vexetal e as ameazas que sofre en

Page 2: Fichas didácticas galego

Galicia e no norte de Portugal.

- Divulgar o proxecto BIODIV-GNP e, en especial, as ferramentas públicas que estarán

dispoñibles no seu web.

A exposición está dirixida ao alumnado, polo que tamén se teñen en conta as diferentes

competencias básicas no currículo escolar. De xeito xeral, as competencias máis ligadas a esta

exposición e ao proxecto BIODIV-GNP son:

- Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico

- Tratamento da información e competencia dixital

- Competencia social e cidadá

Para máis información sobre educación ambiental e competencias básicas pódense consultar

os seguintes documentos:

- Estratexia Galega de Educación Ambiental:

http://www.sgea.org/documentos/000117_egea.pdf

- Presentación da Xunta de Galicia sobre competencias:

http://www.slideshare.net/guest5795fb9/competencias-basicas-presentation-856074

Fichas de actividades Nas seguintes páxinas preséntanse as fichas das diferentes actividades propostas. En cada

actividade sinálanse:

- Xustificación e presentación da actividade

- Obxectivos e competencias básicas que se traballan

- Duración proposta (número de sesións) e organización temporal (antes ou despois da

visita á exposición)

- Material necesario

- Desenvolvemento da actividade

- Recursos adicionais

Moitas das actividades teñen uns contidos transversais, relacionados non só coa área de

ciencias naturais, senón tamén coas áreas de linguas, matemática, xeografía..., o que posibilita

traballar en diferentes disciplinas.

Page 3: Fichas didácticas galego

1. O teu nome nunha planta

Xustificación: ademais dos nomes que os seres vivos teñen en cada lingua (nome

vernáculo), todos os organismos vivos posúen un nome científico, que consiste en dúas

palabras en latín e escritas en letra cursiva. A primeira palabra indica a que xénero (unha

categoría taxonómica) pertence ese organismo e a segunda palabra identifica a especie dentro

do xénero.

Por exemplo: Pinus pinaster (piñeiro bravo ou piñeiro do país) pertence ao xénero Pinus, no que tamén temos Pinus pinea (piñeiro manso ou piñeiro cernil), Pinus halepensis (piñeiro do Alepo), Pinus sylvestris (piñeiro silvestre) e outros.

Esta nomenclatura binomial foi establecida polo científico Carlos Lineu a finais do século XVIII.

Hoxe é de uso xeneralizado, de maneira que todos os organismos vivos teñen un nome

científico único, inconfundible e universal (igual para todas as linguas).

Por exemplo, o carballo (galego-portugués) ten moitos nomes noutras linguas: roble (español), chêne (francés), oak (inglés), roure pènol (catalán) ou stieleiche (alemán), pero só un nome científico: Quercus robur.

Existen normas para darlle o nome científico a unha nova especie. Algunhas veces eses

nomes son unha homenaxe a un científico singular. Por exemplo, a Armeria merinoi leva o seu

nome en honor a Baltasar Merino (1845-1917), botánico autor da primeira (e única) flora de

Galicia; ou a Ornithogalum broteroi, dedicada a Félix de Avelar Brotero (1744-1828), pai da

botánica en Portugal que publicou en 1804 a Flora lusitánica, primeiro inventario da flora

portuguesa.

Na rede:

- Máis información de Brotero: http://cvc.instituto-camoes.pt/ciencia/p6.html

- Máis información de Merino: http://gl.wikipedia.org/wiki/Baltasar_Merino

A distinción entre especies de plantas faise tradicionalmente de acordo coa súa morfoloxía e

outras características do ciclo vital (p. ex. época de floración), aínda que en tempos recentes

outro tipo de caracteres (número de cromosomas ou análise do ADN) están a ser máis

utilizados.

E se por un momento xogamos a ser científicos? Acabamos de descubrir unha nova especie

de planta! Como é? Que nome lle pomos? Que propiedades ten?

Page 4: Fichas didácticas galego

Desenvolvemento da actividade: - Organizar o alumnado en pequenos grupos.

- Presentar o concepto de nome científico.

- Entregar a cada grupo follas con deseños de diferentes formas de follas, flores,

froitos... (ver sección de recursos).

- Convidar a cada grupo a que imaxine (e deseñe en papel) a súa propia especie de

planta, o seu caule, as súas follas e flores, os seus froitos, e que invente o seu nome.

Optativo: - En lugar de entregar papeis con deseños de follas, caules, raíces..., pódese programar unha

saída ao patio da escola e facer unha recollida de material vexetal e logo usalo como modelo.

Obxectivos - Facer unha aproximación á nomenclatura científica. - Observar a enorme diversidade morfolóxica que existe nas

plantas. - Estimular a imaxinación e a creatividade.

Competencias

- Competencia en comunicación lingüística. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Competencia cultural e artística. - Competencia para aprender a aprender.

Duración aproximada Unha sesión (preferiblemente antes da visita á exposición).

Material necesario Fichas impresas con esquemas de diferentes tipos de raíces, caules, follas, flores... ou ben dispoñibilidade de acceso á internet para consultar imaxes.

Recursos

Ligazóns onde se poden ver deseños e fotografías de diferentes formas de follas, caules, flores, cores...

- http://plants.ifas.ufl.edu/education/images/a_glossary_leaf_shapes.jpg

- http://www.vplants.org/plants/glossary/plate01.html - https://charge.wisc.edu/botany/sales.asp - posters

Page 5: Fichas didácticas galego
Page 6: Fichas didácticas galego
Page 7: Fichas didácticas galego

2. Plantas no prato Xustificación: un dos principais valores das plantas para o ser humano é o da nutrición, de

maneira que a poboación mundial obtén o 95 % da súa alimentación de 30 especies vexetais.

Tres delas (millo, trigo e arroz) supoñen o 60 %. Cada unha das plantas cultivadas para a

alimentación “domesticouse” a partir de exemplares silvestres nunha rexión do mundo (p. ex., o

millo no sur de México e América Central), pero agora moitas delas cultívanse e/ou transpórtanse

fóra desa rexión.

Partindo das preguntas “e nós que comemos?” e “temos unha dieta “internacional”?”

propoñemos unha pequena actividade de investigación.

*Desenvolvemento da actividade:

1.ª sesión - Organizaremos o alumnado en pequenos grupos.

- Cada grupo terá que pensar sobre as cousas que comeu o día anterior nas tres

principais comidas (almorzo, xantar e cea) e cales deses alimentos eran plantas. Cada

grupo fará unha listaxe coas plantas que consumiu. As plantas poden ser consumidas

crúas (ensalada, zume...) ou preparadas (anaco de pan, cereais do almorzo,

chocolate...). Pódese dar para isto 15-20 minutos.

- Despois, unha ou dúas persoas por grupo irán lendo a súa listaxe e farase unha lista

común para a aula. Esta posta en común pódese aproveitar para resolver dúbidas.

- Cos resultados para toda a aula pódese elaborar un panel.

Optativo: - Podemos agrupar as especies en categorías. Por exemplo: cereais, raíces ou tubérculos, froitas

e verduras, aceites. - Dependendo do nivel educativo, pódese contar tamén o número de persoas que consumiran un

determinado vexetal e calcular que porcentaxe constitúe cada categoría (ou cada vexetal) sobre o total. Por exemplo: o 35 % do total de vexetais consumidos foron cereais, o 12 % foron aceites etc.

2.ª sesión - Organizaremos o alumnado en pequenos grupos.

- Dividiremos a listaxe da sesión anterior, dándolle a cada grupo unha parte da lista.

- Cada grupo terá que procurar a área de orixe de cada planta. Esta busca pódese

Page 8: Fichas didácticas galego

facilitar empregando a rede.

- Haberá unha posta en común dos resultados, que se pode facer empregando un

mapamundi mudo e escribindo o nome de cada planta sobre a rexión na que se iniciou

o cultivo desta.

- Para rematar esta sesión pódese falar do traballo do científico ruso Nikolai I. Vavilov,

quen a comezos do século XX identificou oito centros primarios de orixe das plantas

cultivadas, que son áreas nas que o ser humano comezou o cultivo de plantas

(domesticou) a partir de parentes silvestres. Poderiamos subliñar que o ser humano

dispón agora de millo, trigo ou arroz grazas a que na natureza existían plantas

silvestres que puideron ser domesticadas. A biodiversidade foi imprescindible para a

orixe da agricultura.

Obxectivos - Reflexionar sobre o papel das plantas na nosa vida e na nosa

alimentación. - Coñecer a orixe das plantas cultivadas.

Competencias

- Competencia matemática. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Tratamento da información e competencia dixital. - Competencia para aprender a aprender. - Autonomía e iniciativa persoal.

Duración aproximada

Dúas sesións (para a segunda é preferible ter acceso á internet), preferentemente antes da visita á exposición.

Material necesario

- Papel grande para a elaboración dun panel. - Mapamundi impreso en A3 sobre o que se poidan pintar as áreas

de orixe das plantas cultivadas; como alternativa pódese imprimir un mapa dos centros de orixe de Vavilov (ver recursos).

- Dispoñibilidade de acceso á internet.

Recursos

- Aínda que na rede existen moitos lugares onde buscar, nesta ligazón http://www.fao.org/docrep/u8480e/u8480e07.htm pódese ver información sobre a orixe de moitas plantas de cultivo. É un documento da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) que forma parte dun libro que celebra os 50 anos deste organismo.

- Mapa dos centros de orixe de Vavilov: http://en.wikipedia.org/wiki/File:Vavilov-center.jpg.

Page 9: Fichas didácticas galego

3. Reflexionando sobre a beleza

Xustificación: ademais do valor material ou produtivo, as plantas teñen un valor estético

que todas as persoas precisamos. É esa a sensación que toda persoa experimenta cando olla

unha paisaxe bela, da que habitualmente as plantas son unha parte moi importante. Propomos

unha actividade de reflexión sobre a beleza.

Velaquí algunhas preguntas que nos poderiamos facer: as paisaxes naturais son belas? E as

paisaxes artificiais? E as paisaxes degradadas? Que sinto/sentimos ante cada unha desas

situacións? Cal é o meu/noso ideal de beleza? Temos todas/os o mesmo ideal de beleza?

Velaquí algunhas imaxes ilustrativas:

1. Paisaxe do Courel (fonte: FlickR, Xoán Piñón). / 2. Canteira no Courel (fonte: SOS Courel)

3. Porto (fonte: wikimedia commons) / 4. Tokyo (fonte: wikimedia commons).

*Desenvolvemento da actividade: - Presentaremos a actividade e convidaremos a que cada alumno/a imaxine e plasme

nun papel, empregando se quere as pinturas, o lugar máis belo onde lle gustaría vivir

ou estar.

- Cada alumno/a presentará a súa creación por quendas, describindo as razóns da

beleza de cada un dos lugares.

- Presentaremos as diferentes fotografías e podemos abrir un debate para falar sobre cal

delas é máis semellante á idea de beleza plasmada nos deseños do alumnado.

Page 10: Fichas didácticas galego

Proposta opcional 1: pódese completar este tema cunha exposición fotográfica (física ou

virtual/powerpoint) elaborada con imaxes de lugares belos e lugares feos ou degradados do

municipio ao que pertence a escola ou instituto, tomadas polo propio alumnado.

Proposta opcional 2: pódese elaborar “o meu mapa emocional”, coas paisaxes/zonas

favoritas, invitando a fotografarse nos lugares con significado persoal e emocional, xunto ás

persoas que relacionamos con estes espazos especiais. Pódese elaborar tamén unha

presentación ou exposición.

Ambas as propostas poden complementarse cunha pequena investigación, cubrindo unha ficha

didáctica coas principais características: nome do lugar, situación xeográfica, motivo polo que

foi escollido, principais valores (especies, recursos da zona...), problemas ambientais

observados etc.

Obxectivos - Reflexionar sobre o valor emotivo das plantas e das paisaxes. - Estimular as habilidades creativas.

Competencias

- Competencia en comunicación lingüística. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Competencia social e cidadá. - Competencia cultural e artística. - Autonomía e iniciativa persoal.

Duración aproximada

Unha sesión

Material necesario - Papel e pintura de cores. - Fotografías ou imaxes de paisaxes “naturais”, paisaxes urbanas e

paisaxes destruídas/degradadas (minería, chatarras...).

Page 11: Fichas didácticas galego

4. Plantas no mapa

Xustificación: as plantas teñen un papel nas sociedades humanas, ben como provedoras

de recursos (fonte de alimento, fibras, materiais de construción ou combustible) ou polo seu

valor emocional, simbólico ou cultural. Unha mostra disto son os fitotopónimos, nomes comúns

de plantas usados en moitos topónimos (nomes propios de vilas, aldeas...) e tamén en

microtopónimos (nomes de camiños, de fontes, de terras de cultivo...).

Aproveitando os recursos xeográficos dispoñibles na rede (ver sección de recursos) ou ben

mapas topográficos en papel, propomos nesta actividade explorar os topónimos dunha zona

(por exemplo, o municipio ao que pertence a escola) procurando nomes de plantas (p. ex., en

Compostela hai unha parroquia chamada Figueiras) ou de formacións da vexetación (p. ex., hai moitos

lugares co nome de Souto). Completaremos a nosa busca cunha investigación fóra da aula,

preguntándolles á familia e aos veciños por microtopónimos relacionados coa flora.

*Previamente á sesión: Previamente á sesión, entregaremos a cada alumno unha copia do mapa topográfico (reducida

ou só en anacos do mapa) correspondente ao municipio: animaremos a que o alumnado

pregunte á familia e aos veciños por fitotopónimos e que, a ser posible, marque a súa

localización no mapa.

*Desenvolvemento da actividade: - Organizaremos a aula en pequenos grupos.

- Dividiremos a área do municipio entre todos os grupos.

- Cada grupo irá ollando o mapa (dixital ou en papel), procurando e anotando topónimos

relacionados coa flora e a vexetación.

- Farase unha posta en común para toda a clase das dúas investigacións (dentro e fóra

da aula).

- Pódese comentar cales son as plantas que aparecen (son plantas silvestres ou

cultivadas? Son plantas “útiles” ou “daniñas”?).

- Como conclusión gráfica, propomos que nun papel grande onde están marcados os

límites do municipio cada grupo vaia situando e escribindo os nomes dos fitotopónimos.

Page 12: Fichas didácticas galego

Obxectivos

- Recoñecer o valor simbólico das plantas na sociedade e na cultura.

- Ter contacto con información xeográfica, en papel ou en soportes dixitais (plataformas de visionado de mapas e fotografía aérea).

- Coñecer mellor o noso contorno máis próximo.

Competencias

- Competencia matemática. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Tratamento da información e competencia dixital. - Competencia social e cidadá. - Competencia cultural e artística. - Autonomía e iniciativa persoal.

Duración aproximada Unha sesión

Material necesario

- Follas de mapa topográfico (escala 1:25 000) que correspondan ao municipio ao que pertence o centro ou ben dispoñibilidade de acceso á internet (preferiblemente con ordenador de aula) para poder consultar mapas dixitais.

- Fotocopias en papel do mapa topográfico para a investigación fóra da aula.

- Papel grande para poder elaborar un panel de conclusión.

Recursos

Ligazóns onde se poden consultar os mapas topográficos de Galicia e de Portugal.

- http://signa.ign.es/signa/ - http://mapas.igeo.pt/igp/igp.phtml

Page 13: Fichas didácticas galego

5. Herbas de poesía

Xustificación: os poetas teñen nas plantas unha fonte de inspiración, ben na beleza das

flores…:

“Sonhei com lúcidos delírios À luz de um puro amanhecer Numa planície onde crescem lírios E há regatos cantantes a correr.” Sophia de Mello Breyner Andresen (Portugal 1919-2004)

ou ben nas paisaxes e inmensidade dos bosques:

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe! Eiquí síntese ben o pouco que é un home. Augas brancas da Rogueira! Bouzas pechas d'uces e xestas! Abrairas teixos faias xardois e reboleiras! Outo bosco calado! Fontiñas do corzo! Carrozos de picafondo! Non hai outro tempo máis vasto nin outro credo que este silencio Uxío Novoneyra (Galicia, 1930-1999).

Nesta actividade propomos unha aproximación á poesía e ás plantas empregando haikus. Os

haikus (no Brasil, hikai) son un tipo de poemas curtos tradicionais de Xapón relacionados coa

natureza (as estacións, as plantas...). Teñen unha estrutura de só tres versos sen rima.

Velaquí un exemplo:

Porque não sabemos o nome Tenho de exclamar apenas: “Quantas flores amarelas!” Paulo Franchetti (Brasil, 1954)

Page 14: Fichas didácticas galego

*Desenvolvemento da actividade: Presentaremos un panel/diapositivas con fotografias lindas de plantas, flores ou

paisaxes naturais; ou daremos enderezos para procurar imaxes na rede

- Motivaremos o alumnado para que faga as súas propias obras.

- Compartiremos as creacións lendo por quendas.

Obxectivos - Recoñecer o valor simbólico das plantas nas artes. - Estimular a creatividade e a expresión artística.

Competencias

- Competencias en comunicación lingüística. - Competencia social e cidadá. - Competencia cultural e artística. - Autonomía e iniciativa persoal.

Duración aproximada Unha sesión

Material necesario

- Papel - Opcionalmente, pódese preparar un panel (ou un grupo de diapositivas) con

imaxes bonitas de plantas e vexetación (ver recursos). - Opcionalmente, pódense buscar poemas sobre plantas (ver recursos). - Como alternativa, pódese dar acceso á internet para procurar imaxes

bonitas (ver recursos).

Recursos

- Grupos de Flickr dedicados á botánica e ás flores dos cales podemos tirar fotografías:

- http://www.flickr.com/groups/48889066957@N01/pool/ - http://www.flickr.com/groups/plantimages/pool/ - http://www.flickr.com/groups/flowercloseups/pool/

- Ligazón a unha páxina con diversos haikus de poetas do Brasil e

outros países de América do Sur: http://seabra.com/haikai/

Page 15: Fichas didácticas galego

6. Plantas e contaminación

Xustificación: o solo serve de soporte físico para as plantas. Ademais, do solo as plantas

toman a auga e diferentes elementos químicos necesarios para o seu desenvolvemento.

Existen diferentes tipos de solo, en función de diversas variables: material de orixe, contido de

materia orgánica, temperatura ambiental, humidade... Moitas plantas teñen preferencia por

solos cunhas determinadas propiedades.

Un exemplo extremo disto son as plantas serpentinófitas (como Santolina melidensis, Armeria eryophylla ou Alyssum serpyllifolium subsp. lusitanicum, as tres endémicas de Galicia e o norte de Portugal), especies capaces de crecer sobre solos pobres en nutrientes, pero ricos en metais pesados (como Ni, Cr ou Co).

Porén, diversas accións humanas afectan as condicións e a fertilidade dos solos, alterando ou

facendo imposible o crecemento das plantas.

Nesta actividade presentamos un experimento no que poder observar os efectos da

contaminación do solo sobre as plantas.

Desenvolvemento da actividade:

Presentación teórica - Temos unha hipótese: a contaminación do solo afecta o crecemento das plantas.

- Para testar esta hipótese imos facer crecer sementes de plantas en dous grupos de

vasos cuxa única diferenza é a presenza ou ausencia de contaminación; para iso é moi

importante que o resto dos factores sexa igual en todo o experimento. Se é posible, os

vasos deben ser iguais, deben conter a mesma cantidade de substrato, debemos regar

coa mesma cantidade de auga e en cada vaso colocaremos o mesmo número de

sementes.

- Observaremos os resultados do experimento e tentaremos extraer conclusións del.

Sesión inicial - Dividiremos os vasos en dous grupos: “control” e “contaminado”. Marcaremos cada

grupo con diferentes etiquetas ou adhesivos.

- Encheremos os vasos “control” co substrato.

Page 16: Fichas didácticas galego

- Mesturaremos substrato con sal de cociña (se usamos vaso de iogur, podemos engadir

unha cullerada de sopa chea de sal para cada vaso) para obtermos substrato

“contaminado”. Encheremos con este substrato os vasos “contaminado”.

- Colocaremos en cada vaso dúas sementes (se é lentella ou grelo/col) ou unha semente

(se é ervella).

- Engadiremos auga e deixaremos todos os vasos sobre a bandexa nun lugar iluminado

da aula, non moi preto dos calefactores. Debemos manter a terra dos vasos húmida.

NOTA: para favorecer a xerminación das sementes, podemos deixalas nun algodón con auga o día anterior ao comezo do experimento.

Seguimento Unha vez por semana observaremos os vasos, tomando datos do número de sementes

xerminadas en cada vaso e do estado de desenvolvemento das plantas (p. ex. número de

follas, lonxitude dos caules...). A información pódese recoller en táboas coma estas:

Táboa 1: número de sementes xerminadas

Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4

Vaso 1

Vaso 2

...

Vaso n

Táboa 2: altura da pranta (cm)

Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4

Vaso 1

Vaso 2

...

Vaso n

Page 17: Fichas didácticas galego

Táboa 3: número de follas. Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4

Vaso 1

Vaso 2

...

Vaso n

- Despois das nosas observacións, recolocaremos os vasos rotando as súas posicións

na bandexa.

Sesión final - Tentaremos responder á nosa pregunta inicial: a contaminación afectou o crecemento

das plantas?

- Para iso compararemos os datos dos dous grupos de plantas (“control” e

“contaminado”) procurando diferenzas entre eles:

o Diferenzas no tempo que tardaron en xermolar.

o Diferenzas na altura das plantas.

o Diferenzas na cantidade de follas que produciran.

- Para simplificar, a comparación entre grupos pode facerse de xeito cualitativo e indicar

só que grupo ten as plantas máis grandes ou máis pequenas.

- De acordo coas diferenzas observadas, redactaremos entre toda a clase as

conclusións.

Optativo: este experimento pódese plasmar nun panel colectivo con fotografías das plantas, táboas ou

gráficos cos datos, as conclusións...

Page 18: Fichas didácticas galego

Obxectivos - Observar os efectos da contaminación do solo sobre as plantas. - Valorar o solo fértil como recurso non renovable. - Facer unha aproximación á metodoloxía científica.

Competencias - Competencia matemática. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Tratamento da información e a competencia dixital. - Competencia para aprender a aprender.

Duración aproximada

Dúas sesións (montaxe e desmonte) e seguimento durante catro semanas.

Material necesario

- Sementes (poden ser ervellas, lentellas ou sementes do grelo/col). - Oito vasos pequenos para as plantas. Poden ser vasos de iogur

ou outro recipiente (podemos aumentar o número de vasos en función do espazo na aula, do número de alumnos/as...).

- Bandexa. - Terra ou substrato suficiente para encher os vasos. - Etiquetas ou adhesivos para marcar os diferentes vasos. - Sal de cociña (que usaremos como contaminante). - Regra para tomar medidas.

Page 19: Fichas didácticas galego

7. As plantas e o cambio climatico

Xustificación: a actividade industrial humana durante os últimos séculos ten alterado o

funcionamento do ecosistema da Terra a nivel global. Unha destas alteracións é o chamado

cambio climático, incremento da temperatura media da Terra causada por un aumento da

cantidade de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro (como o metano) na atmosfera,

causado á súa vez polo noso elevado consumo de combustibles fósiles (carbón, petróleo ou

gas natural).

Os cambios no clima afectan as plantas: estudos científicos revelan que, por exemplo, durante

as glaciacións moitas especies de plantas que agora crecen no norte de Europa só puideron

sobrevivir en diferentes lugares do sur do continente. Porén, non se coñecen os efectos

concretos que a elevación da temperatura da Terra pode ter sobre a supervivencia futura de

moitas plantas ameazadas.

Esta actividade presenta un exemplo de experimento no que poder estudar os efectos do

cambio climático sobre as plantas.

*Desenvolvemento da actividade:

Presentación teórica - Temos unha hipótese: o aumento da temperatura afecta o crecemento das plantas.

- Para testar esta hipótese imos facer crecer sementes de plantas en dous grupos de

vasos cuxa única diferenza é a presenza dun invernadoiro. Para iso é moi importante

que o resto dos factores sexa igual en todo o experimento. Se é posible, os vasos

deben ser iguais, deben conter a mesma cantidade de substrato, debemos regar coa

mesma cantidade de auga e en cada vaso colocaremos o mesmo número de

sementes.

- Observaremos os resultados do experimento e tentaremos extraer conclusións del.

Sesión inicial - Dividiremos os vasos en dous grupos: “control” e “invernadoiro”. Marcaremos cada

Page 20: Fichas didácticas galego

grupo con diferentes adhesivos ou etiquetas.

- Encheremos todos os vasos coa mesma cantidade de substrato.

- Colocaremos en cada vaso dúas sementes (se é lentella ou grelo/col) ou unha semente

(se é ervella) e engadiremos auga.

- Usaremos as botellas sen fondo como invernadoiros artificiais, para o que as

colocaremos sobre cada un dos vasos do grupo “invernadoiro”. Eses vasos deben

permanecer sempre cubertos e só retiraremos as botellas cando queiramos regar.

- Deixaremos todos os vasos sobre a bandexa nun lugar iluminado da aula, non moi

preto dos calefactores. Debemos manter a terra dos vasos húmida.

- Para favorecer a xerminación das sementes, podemos deixalas nun algodón con auga

o día anterior ao comezo do experimento.

Seguimento - Unha vez por semana observaremos os vasos, tomando datos sobre o estado de

desenvolvemento das plantas (p. ex., número de follas, lonxitude dos caules...). A

información pódese recoller en táboas coma estas:

Táboa 1: altura da planta (cm)

Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4

Vaso 1

Vaso 2

...

Vaso n

Táboa 2: número de follas.

Vaso / Semana Semana 1 Semana 2 Semana 3 Semana 4

Vaso 1

Page 21: Fichas didácticas galego

Vaso 2

...

Vaso n

- Despois das nosas observacións, recolocaremos os vasos rotando as súas posicións

na bandexa.

Sesión final - Tentaremos responder á nosa pregunta inicial: afectou a temperatura o crecemento

das plantas?

- Para iso compararemos os datos dos dous grupos de plantas (“control” e “estufa”)

procurando diferenzas entre eles:

o Diferenzas na altura das plantas.

o Diferenzas na cantidade de follas que produciran.

- Para simplificar, a comparación entre grupos pode facerse de xeito cualitativo e, por

exemplo, indicar só que grupo ten as plantas máis grandes ou máis pequenas.

- De acordo coas diferenzas observadas, redactaremos entre toda a clase as

conclusións.

Optativo:

- Este experimento pódese plasmar nun panel colectivo con fotografías das plantas, táboas ou

gráficos cos datos, as conclusións...

- En paralelo a este experimento, pódese aproveitar para debater na aula sobre o fenómeno do

cambio climático, as súas causas, as posibles solucións ou as accións que cada alumna/o pode

facer na súa vida para reducir a súa contribución ao efecto invernadoiro.

Page 22: Fichas didácticas galego

Obxectivos - Reflectir o fenómeno do cambio climático e os seus efectos. - Facer unha aproximación á metodoloxía científica.

Competencias

- Competencia matemática. - Competencia no coñecemento e interacción co mundo físico. - Tratamento da información e competencia dixital. - Competencia para aprender a aprender.

Duración aproximada

Dúas sesións (montaxe e desmonte) e seguimento durante catro semanas.

Material necesario

- Sementes (poden ser de céspede ou sementes de grelo/col). - Oitos vasos pequenos para as plantas. Poden ser vasos de iogur ou

outro recipiente (podemos aumentar o número de vasos en función do espazo na aula, o número de alumnas/os...).

- Catro botellas transparentes de plástico con tapa (poden ser de auga ou de refresco) de 1,5 ou 2 litros, ás que previamente lles quitamos o fondo.

- Bandexa. - Terra ou substrato suficiente para encher os vasos. - Adhesivos ou etiquetas para marcar os diferentes vasos. - Regra para tomar medidas.